viernes, 27 de abril de 2007

Maxistral

Onte tiven a sorte de poder ir ver á Aula de Teatro da Universidade de Santiago en acción, ao Forum Metropolitano. Digo sorte porque non houbo clase de Mercantil e puiden aproveitar, aínda que no caso de que houbera clase tiña en mente faltar (mais non habendo clase xa non cargo na conciencia por non ir a clase), pois para as poucas veces que se deixa ver a Aula de Teatro de Santiago por aquí (que eu saiba, una vez ao ano, en cada festival de teatro universitario que organiza cada ano a UDC), hai que aproveitar.

Tiña moitas ganas de ver á xente de Santiago. Creo que en xeral non hai mal nivel teatral e interpretativo nas Aulas de teatro das universidades galegas. Polo de agora puiden ver á da Coruña (un par de veces), unha vez á de Vigo (o ano pasado, cunha montaxe sobre esa xenialidade de Ionesco que é A cantante calva, e gustárame bastante), unha vez á de Ourense o outro día (tiña moitas ganas de velo tamén, porque na dirección está crack da interpretación que é Fernando Dacosta, no meu ránking entre os cinco mellores actores de Galicia, mágoa que non sexa moi coñecido) e dúas á Aula de Teatro de Santiago.

Tiña moita expectación por ver aos de Santiago porque hai dous anos fun ver a súa montaxe Ubu encadeado, e saín marabillado: había moito tempo que non ría tanto, un resultado brillante, e conseguido con moi poucos medios. Como tiña ese precedente tan bo na memoria, onte non puiden resistir á tentación de achegarme ao Forum. Mereceu a pena. Foron dúas horas de teatro en estado puro, cheo de vivacidade, axilidade escénica e verbal e moito traballo (sobre todo corporal), e o tempo pasou voando. Ten mérito, porque os espectáculos de dúas horas ou máis, se non son intensos, poden aburrir un bo cacho. Non foi o caso. Teño para min que a Aula de Teatro de Santiago é a mellor de Galicia, e que está a un nivel superior ao resto (estou á espera de ver algún ano á de Pontevedra, mais que non creo que podan superar aos seus colegas da capital de Galicia). Ollo a estes nomes: David Pobra e Diego Meizoso. Non sei qué será o que estudan, pero polo ben do Teatro (con maiúsculas) deberían deixalo e dedicarse á interpretación (se é que non o fan xa). Impresionante, verdadeiramente maxistral o seu traballo, o seu nivel na interpretación, de nivel profesional. Saliéntoos a eles porque tamén tiñan asignados personaxes que permitían un maior lucimento persoal, mais en xeral os nove actores que estaban enriba das táboas tiñan un nivel moi bo. E iso fai que o espectáculo que onte representaron estea, sen medo a esaxerar, ao nivel case dunha compañía profesional de teatro. Xa o seu Ubu encadeado me pareceu un dos mellores espectáculos que vin ese ano (e aínda que non son un experto, logo de 90 obras de teatro vistas, queiras que non xa me vou formando un criterio), e a crítica na Revista Galega de Teatro tamén lle deu a súa beizón.

O que onte representaron foi Trufaldino servidor de dous amos, de Carlo Goldoni (autor italiano do século XVII). O curioso é que eu xa vira unha montaxe sobre ese mesmo texto, a cargo dunha compañía profesional, Teatro Galileo. Aínda que despois de vista a montaxe que fai a Aula de Teatro de Santiago, parecían textos completamente diferentes (e quizais o foran, non sei, pero se tiñan o mesmo título e era o do mesmo autor…), e aí nótase a man desa verdadeira referencia do teatro galego da década do 90, o moi pouco coñecido Roberto Salgueiro, director da peza e director da Aula de Teatro, que nunca decepciona, e neste caso tampouco, conseguindo un resultado fantástico para unha compañía, en principio, de xente afeccionada. A montaxe de onte era máis desenfadada que a mesma que vin da compañía profesional. Era moi áxil, paródico e esaxerada nos xestos dos actores, chea de humor e, supoño, chea de moitas moitas horas de traballo detrás. É o que ten: estas compañías universitarias non teñen moitos cartos, o que fai e por iso o “decorado” (a escenografía e atrezzo, para ser técnicos) teñan que ser pequenos, porque mover ese material dun lado para outro é custoso. A escaseza de medios materiais fai que teñan que concentrar a sorte da montaxe na calidade dos actores, o que na Aula de Teatro de Santiago é determinante, porque teñen un elenco de actores bárbaro. Tamén hai que dicir que son xente “maior”, e non chavaliños de 19, 20 anos, e iso nótase, pois a madureza dun actor non é igual nunha persoa de 18 anos que nunca fixo teatro e comeza na universidade que en alguén que ten 22 ou 23 e leva varios anos. Espero que o relevo xeracional na Aula de Teatro de Santiago non lles reste calidade no futuro. Porque o que é agora teñen un nivel excelente. E só por un 1,50 euros. Incríbel. A pesar diso, onte non había moita xente, e a que había era basicamente xente maior (os maiores de 65 pagaban tamén só 1,50). Xente nova había moi moi pouca. Qué mágoa, porque o festival de teatro faise principalmente para achegar a xente nova ao teatro, e esta moitas veces non responde. No seu descargo hai que dicir que onte era a festa do patrón de Económicas, e había concertos e alcol e xa se sabe. Eu paseino moito mellor (para min). E rin moito. Sen ter que tomar nada. Maxistral. A ver se a próxima vez algún de vós se anima. Ver á Aula de Teatro da Universiade de Santiago reconcilia co teatro. E coa vida.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Ola,

Acabo de descubrir o teu blog e este artigo en particular. Son Diego Meizoso e simplemente, e de todo corazón, GRAZAS.

Anónimo dijo...

Ola! Eu xa deixei un comentario no seu día, pero debín facer algo mal que non se publicou. Hoxe vin dar aquí de novo e, xa postos, reitero os agradecementos que expresara anteriormente. Desgraciadamente, eu xa non sigo no Aula por compromisos laborais, e non, non teñen nada que ver co mundo da interpretación... que máis quixera. Unha aperta!