miércoles, 18 de abril de 2007

Verdadeiro noxo: as armas e a matanza nunha universidade USA


Seica agora aos americanos dos USA non lles chega con matar xente no Irak ocupado que até se matan entre si mesmos!! Deixando o humor negro (burrada mellor dito), non é para brincadeira o que lin na prensa gratuita de onte, o da masacre nunha Universidade en Virginia. Trinta e pico mortos e non sei cantos feridos, un resultado máis propio do seu Irak que dun país en paz: é o que ten o efecto boomerang da violencia.


Estou certo de que nunca entenderei ben o imaxinario e o sistema de valores da moi plural sociedade estadounidense. É unha república da hipocrisía, onde case mandan ao lume a Janet Jackson por ensinar sen querer un peito, mentres millóns de persoas alí xustifican a posesión indiscriminada, e o emprego moitas veces frívolo das mesmas, pola poboación civil. Non entendo ben cómo un Estado berce do constitucionalismo moderno, un dos fundadores do núcleo esencial do réxime democrático moderno, teña recoñecido (por vía de emenda se non me trabuco) como dereito constitucional a posesión de armas. Xamais o entenderei.


Mira que dá noxo toda esta xente da Asociación Nacional do Rifle, con Charlton Heston á cabeza, que lle fan o xogo as empresas armamentísticas (facendo que gañen cada vez máis e máis e máis cartos co negocio da morte e a brutalidade), xustificando a necesidade das armas (os desta Asociación da morte din que son para ¡cazar!, e isto é certo). É unha verdadeira vergoña para o ser humano: se por algo nos temos que distinguir é polo emprego da palabra, o diálogo, a tolerancia, palabras que tanto se din que case quedaron baleiras de contido, pero que son tan bonitas e tan necesarias que hai que seguir usándoas e telas na boca. Ben, paro co discurso tópico de sempre, aínda que o debate sobre as armas continúa por aquelas latitudes, e non parará.


Canta hipocrisía. Decontado saíu a falar Bush, dicindo que estaba “horrorizado” polo que pasara, e que había que aumentar as medidas de seguridade nos centros de ensino. Nin palabra de restrinxir a venda indiscriminada de armas, nada. Non aprenderon do de Columbine. Volta ser necesario ver Bowling for Columbine, excelente documental onde se reflite a realidade dunha sociedade con moito medo, constantemente aterrorizada polos mensaxes que políticos e medios de comunicación lanzan constantemente. Ademais, este documental é moi criticado polos liberais, logo hai que velo, algo tan importante e molesto ten que dicir para que sexa tan insultado e criticado nas webs liberais (que por certo xustifican a tenencia de armas, cómo non, en nome de non sei que liberdade). Quizais sexa o feito de falar dos miles de mortos cada ano nos USA polo emprego de armas. Será que amosa cómo centos de mozos teñen acceso incribelmente sinxelo ás armas (terríbeis as imaxes dunha sucursal bancaria onde se regalaba unha pistola nada máis por abrir unha conta). Será que aposta pola non violencia. Que noxo que haxa tanta xente por alá que non defenda, precisamente, estes valores. Moitos gañan miles de millóns de dólares vendendo tanques onde morren soldados hispanos e negros en Irak e Afganistán; outros moitos ven cómo ir estudar pode ser, ás veces, perigoso, moi perigoso. Que noxo.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

A verdade é que non sorprende que pasen este tipo de cousas nun país que perdeu todo o "respecto" polas armas. Eu é algo que non podo comprender, pero parece ser que a mentalidade europea con respecto ás armas é completamente distinta á americana. A xente está totalmente obsesionada con defenderse...pero defenderse dos que teñen armas...resulta un círculo vicioso.

Supoño que nos próximos días veremos ó bo de Charlton na televisión, que xa está tardando en dar sinais de vida.

Anónimo dijo...

Por certo, moi interesante o dos "vínculos" a outras páxinas web.
E tamén é moi interesante que inclúas comentarios sobre feitos de actualidade.

Anónimo dijo...

Grazas polos comentarios, a ver se te animas a poñer máis cousas, que ti tes moito que dicir, dás para un boa "tertuliana" (das serias e sen ánimo pexorativo, que hoxe esa palabra parece un insulto gravísimo, por culpa dos tolos da COPE entre outros).

Tes razón sobre o feito de que a sociedad norteamericana vive obsesionada con defenderse. Cando deixas que as armas circulen con semellante descaro e sabes que todo o mundo ten unha, pois colles medo, reforzando así o círculo imparábel da violencia.

O dos vínculos tamén me parece interesante, xa poñerei máis. Tentarei poñer algunha cousa sobre temas máis actuais, espero que con certe frecuencia.