jueves, 26 de abril de 2007

En resposta


Tiña pensado poñer algún comentario sobre outro tema, pero vendo o “éxito” que tivo o último texto, sobre unha noticia aparecida en La Voz de Galicia sobre a COPE, e vendo os gratificantes comentarios que deixástedes sobre o tema, pois vou seguir un pouquiño máis con el. Intentarei non aburrir. Antes de nada dicir que me gustaron moito os comentarios, que tratan un montón de temas (en especial o torrente de palabras de Miguel, que parece que quería descargar, e paréceme moi ben) moi interesantes, que darían para moitas páxinas. A ver se pouco a pouco os imos tratando. Tamén quería aproveitar para agradecerlle a Miguel, amais do seu longo e interesante comentario (porque da para debater e escribir e iso mola), o feito de que use o galego como lingua de expresión, e aproveito para darlle un pequeno tirón de orellas ao señor M. Perry, porque a lingua oficial deste blog é o galego, e este homiño teima en usar o castelán, e aínda que eu respecto a opción lingüística de cadaquén (polo de agora, je,je,je), prefiro comentarios e textos en galego. Dito isto, vou ao gran. A maioría dos comentarios van dirixidos a dar unha opinión sobre o comentario de Miguel, non por nada, senón por maior discrepancia de ideas e por estar noutra visión sobre o que eu escribín, todo sempre dende o aprezo e o respeto polas ideas alleas.


En primeiro lugar, ten razón Miguel en que o final do meu texto é bastante desafortunado e un tanto frívolo e pouco xustificábel. Non estiven moi acertado cando escribín que “Sempre está a dereita ameazando, e son eles os únicos que logo van por aí coa intolerancia e o odio por bandeira. Odio e intolerancia, pouco católico. É ben curioso: foi o mesmo que deu lugar á nosa Guerra Civil. E agora repiten. Parece que non lles chegou no 36”. É certo que é un comentario duro e cheo de prexuízos (sigo pensando que non en todo infundados, aténdome aos feitos históricos na España contemporánea, pero si esaxerados). A finalidade deste comentario é “dar caña”, como recomendaba Matías, e provocar un algo de debate, que mola máis. Ao final vexo que a crispación dá resultados e todo! Mirade que ben lle vai a Jiménez Losantos!!


Noutra cousa tamén ten razón Miguel: cando di que non se pode frivolizar ao falar da Guerra Civil española. Os que me levan escoitado falar do tema (veces e veces, que falo moito del e leo moito del) saben que para min é un tema trascendental e do que non frivolizo, porque as guerras son una verdadeira derrota para a humanidade, e toda guerra convértese nunha fábrica indiscriminada de dor e sufrimento. Por iso sorprende a lixeireza coa que os falcóns de White House ou o (por sorte) ex-presidente do goberno español falan de Irak, e das armas de destrución masiva e todo iso, sabendo cómo está o país e a cantidade de sufrimento que causou, causa e causará a guerra en Irak.

O malo do asunto é cando os políticos e xornalistas falan con lixeireza pasmosa e arrepiante do tema. É fácil consultar as hemerotecas para comprobar cómo en varias ocasións Ángel Acebes falou para a televisión dicindo que as reformas do goberno de Zapatero son propias dun goberno radicalizado e que crean un clima como de guerra civil. E isto non o estou a inventar eu agora, iso está nos xornais e nas imaxes dos telediarios. E o mesmo que fixo el (agora sae menos nos medios, por certo e por sorte) lévano facendo dende o 2004 varios medios de comunicación e xornalistas, dicindo que estamos nun clima guerracivilista, ou que se vive unha tensión política como a que se respiraba no 36. Iso é o lamentábel do asunto, que haxa xente con poder mediático que saia a dicir semellantes barbaridades e logo poda durmir tranquilo, e que aínda por riba haxa milleiros de persoas que crean tales opinión, cando nin son certas nin ninguén desexa que sexan certas, pois ninguén quere nin quererá outra guerra en España, nin estamos coma no ano 36 nin nada parecido.

En segundo lugar, quería dicir que o meu texto ía principalmente dirixido a falar da COPE e os seus comportamentos, e non dirixido da relixión, porque nos dous comentarios vexo opinións sobre o tema relixioso. Quizais non foi ben interpretado cando digo que “(…) todas as palabras que me serven para describir o discurso e a forma de ser e actuar da COPE pouco teñen que ver cos valores que o evanxelio e Xesucristo predicaron”. Mais é así. O discurso de Xesucristo está nas antípodas do comportamento de xente como Jiménez Losantos, ao que lle habería que lavar a lingua con lixivia, porque de cada catro palabras que di tres son insultos ou palabras de mal gusto (comprendo que Gallardón se querelara contra Jiménez Losantos logo de que este lle chamara "traidor", "siniestro", "bandido” ou "caradura”, ou de querer manter o poder na alcaldía de Madrid mesmo sobre “los 200 muertos”, en alusión aos atentados do 11-M). Se trata así á xente do PP, que el apoia para gobernar, ¡que dirá dos outros! O deste home é propio de alguén infame e rastrero, que non sabe qué facer para acadar maiores cotas de audiencia (e polo que se ve vaille ben). Que eu saiba, no discurso de Xesucristo imperaba a arela de paz, concordia, solidariedade e amor, e non digo que a COPE teña que ser iso, pero unha radio de titularidade da Conferencia Episcopal, a máxima autoridade en España no que a relixión católica se refire, creo que non debera permitir semellante tono feo, sucio e que nada aporta ao bo xornalismo.

Sígome reafirmando no que puxen sobre a COPE e sobre a noticia que atopei en La Voz de Galicia, porque hai máis sobre o tema. Parece que non fun o único ao que lle sorprendeu a noticia. Non sei se en El País lle deron algún tratamento, porque a pasada semana non o mirei. Só sei que na “Crónica política” de Manuel Campo Vidal que aparece que cada domingo en La Voz de Galicia tamén aparece un comentario sobre o tema. Manuel Campo Vidal é, para todos os que leades a súa “crónica política” (moi moi interesante sempre), un xornalista ecuánime no que escribe e nada radical nos seus comentarios. Este pasado domingo escribía: “Los estrategas de la crispación aconsejaron mal al Partido Popular. La experiencia nefasta de la gestión de la crisis en aquellos día [fala dos atentados do 11-M] le conviene al PP que se olvide y, sin embargo, los estrategas han mantenido vivo el episodio hasta el hastío. Para ello no se ha reparado en gastos y se han utilizado todos los recursos a mano, incluso vulnerando el espíritu fundacional de la cadena radiofónica de la Iglesia. Ha sido estos días Monseñor Enrique Planas, experto en comunicación, el que ha tachado de “suicidas” los planteamientos de las COPE. Criticó a Losantos y afirmó que hay valores que están más allá de la posibilidad de perder audiencia. “Es un riesgo ofrecer una tribuna a los resentidos”, advirtió. Lo que no dijo monseñor Planas en su interesantísima intervención es que buena parte de los problemas del PP hoy en día proceden de ese periodismo supuestamente afín que termina asociando al PP con posiciones de derecha extrema. Ya lo dijo Antonio Hernández Mancha [foi número 2 de AP antes de que Fraga refundara o partido para convertelo no actual PP]: “El drama de Mariano es que Federico le caliente a su gente por la mañana y él pierde el día templándolos. Y al día siguiente vuelta a empezar”. Creo que despois de ler isto sobran as palabras, cando un alto cargo do Vaticano di que “Es un riesgo ofrecer una tribuna a los resentidos”, polo que ao final parece que non me equivoquei moito cando utilicei a palabra resentimento para falar da actitude de Jiménez Losantos e compaña.

No que agora non vou entrar é na miña opinión para a relixión, porque este texto xa é longo de máis, e vai ser moi aburrido e cansino, pero queda pendente para outro día. Agora ben, coincido con Matías en que non entendo o de “dogmática dos acontecementos históricos” ao que se refire Miguel. Xa sei que non se debe confundir Igrexa con relixión (son cousas distintas), pero no entendo porque a Conferencia Episcopal ten que debater pastorais nas que falan da unidade de España como valor moral e cousas así, non vén a conto que nun documento de contido doutrinal relixioso como entendo que é unha pastoral se fale da unidade de España.


Xa para ir rematando, dúas cousiñas máis. Primeiro que xa vin o gol de Messi; segundo, que creo que non perdín nada por non a Rajoy, como non perdín demasiado por non ver a Zapatero cando estivo no programa das preguntas, porque sei que tanto un coma o outro intentarían axustarse aos seus discursos oficiais e pouca cousa nova engadirían. Terceiro, paréceme moi acertado o comentario de Miguel sobre o IPC, ten toda a razón, algo falla, porque os prezos en moitas cousas subiron máis do 3 ou 4 % de taxa “oficial” de inflación. Cuarto, non vou comentar nada de certo comentario de Miguel cando di “que vexo no teu discurso moitos prexuizos que fan que non aceptes outras ideas, tanto relixiosas coma políticas, cando non casan coas túas”, pois non me considero intolerante e gústame escoitar as ideas alleas, aínda que poda disentir. É certo que teño prexuizos, no sentido de xuizos previos (pre-xuizos) porque a miña visión do mundo é parcial e está tamizada polas miñas opinións, ideas e crenzas, a partir das cales xulgo o demais, o cal non quer dicir que non acepte outras ideas nin que queira imponer as miñas. Ás veces podo semellar un pouco intolerante porque non me gustan demasiado as voltas que o "politicamente correcto" fai que lle teñamos que dar ás cousas. Todos temos xuizos previos, e quen non os ten é porque non ten na cachola nada máis que serrín, porque non pensa en nada e non intenta formarse un xuizo sobre a actualidade ou temas da vida.


Ben, vou rematando, fican temas pendentes para máis comentarios. Agradecer de novo os comentarios, para que podamos seguir debatendo no futuro deste e doutros temas, que se vexa que somos universitarios, con ganas de falar, discutir, pensar, reflexionar, xente viva en definitiva (a poder ser xente viva en galego, please).

1 comentario:

Anónimo dijo...

Bien por haber visto el gol de Messi. 19 años y marca ese golazo. Una pena. En tres años estará ingresado por sobredosis y coma etílico en un hospital. Eso si pretende seguir los pasos de Maradona, lo cual es bastante probable teniendo en cuenta el carácter divino de este personaje cuyo comportamiento pretende ser emulado por cualquier jugador argentino que destaque (y más si lo hace a una edad tan temprana).

También es una pena que no te aventurases a dar una opinión sobre la religión en esta noticia. Me parece un tema muy interesante al que tarde o temprano tendrás que atacar. Espero ese momento ansiosamente.

Hasta entonces, un saludo y a seguir dándole duro.