viernes, 27 de abril de 2007

Maxistral

Onte tiven a sorte de poder ir ver á Aula de Teatro da Universidade de Santiago en acción, ao Forum Metropolitano. Digo sorte porque non houbo clase de Mercantil e puiden aproveitar, aínda que no caso de que houbera clase tiña en mente faltar (mais non habendo clase xa non cargo na conciencia por non ir a clase), pois para as poucas veces que se deixa ver a Aula de Teatro de Santiago por aquí (que eu saiba, una vez ao ano, en cada festival de teatro universitario que organiza cada ano a UDC), hai que aproveitar.

Tiña moitas ganas de ver á xente de Santiago. Creo que en xeral non hai mal nivel teatral e interpretativo nas Aulas de teatro das universidades galegas. Polo de agora puiden ver á da Coruña (un par de veces), unha vez á de Vigo (o ano pasado, cunha montaxe sobre esa xenialidade de Ionesco que é A cantante calva, e gustárame bastante), unha vez á de Ourense o outro día (tiña moitas ganas de velo tamén, porque na dirección está crack da interpretación que é Fernando Dacosta, no meu ránking entre os cinco mellores actores de Galicia, mágoa que non sexa moi coñecido) e dúas á Aula de Teatro de Santiago.

Tiña moita expectación por ver aos de Santiago porque hai dous anos fun ver a súa montaxe Ubu encadeado, e saín marabillado: había moito tempo que non ría tanto, un resultado brillante, e conseguido con moi poucos medios. Como tiña ese precedente tan bo na memoria, onte non puiden resistir á tentación de achegarme ao Forum. Mereceu a pena. Foron dúas horas de teatro en estado puro, cheo de vivacidade, axilidade escénica e verbal e moito traballo (sobre todo corporal), e o tempo pasou voando. Ten mérito, porque os espectáculos de dúas horas ou máis, se non son intensos, poden aburrir un bo cacho. Non foi o caso. Teño para min que a Aula de Teatro de Santiago é a mellor de Galicia, e que está a un nivel superior ao resto (estou á espera de ver algún ano á de Pontevedra, mais que non creo que podan superar aos seus colegas da capital de Galicia). Ollo a estes nomes: David Pobra e Diego Meizoso. Non sei qué será o que estudan, pero polo ben do Teatro (con maiúsculas) deberían deixalo e dedicarse á interpretación (se é que non o fan xa). Impresionante, verdadeiramente maxistral o seu traballo, o seu nivel na interpretación, de nivel profesional. Saliéntoos a eles porque tamén tiñan asignados personaxes que permitían un maior lucimento persoal, mais en xeral os nove actores que estaban enriba das táboas tiñan un nivel moi bo. E iso fai que o espectáculo que onte representaron estea, sen medo a esaxerar, ao nivel case dunha compañía profesional de teatro. Xa o seu Ubu encadeado me pareceu un dos mellores espectáculos que vin ese ano (e aínda que non son un experto, logo de 90 obras de teatro vistas, queiras que non xa me vou formando un criterio), e a crítica na Revista Galega de Teatro tamén lle deu a súa beizón.

O que onte representaron foi Trufaldino servidor de dous amos, de Carlo Goldoni (autor italiano do século XVII). O curioso é que eu xa vira unha montaxe sobre ese mesmo texto, a cargo dunha compañía profesional, Teatro Galileo. Aínda que despois de vista a montaxe que fai a Aula de Teatro de Santiago, parecían textos completamente diferentes (e quizais o foran, non sei, pero se tiñan o mesmo título e era o do mesmo autor…), e aí nótase a man desa verdadeira referencia do teatro galego da década do 90, o moi pouco coñecido Roberto Salgueiro, director da peza e director da Aula de Teatro, que nunca decepciona, e neste caso tampouco, conseguindo un resultado fantástico para unha compañía, en principio, de xente afeccionada. A montaxe de onte era máis desenfadada que a mesma que vin da compañía profesional. Era moi áxil, paródico e esaxerada nos xestos dos actores, chea de humor e, supoño, chea de moitas moitas horas de traballo detrás. É o que ten: estas compañías universitarias non teñen moitos cartos, o que fai e por iso o “decorado” (a escenografía e atrezzo, para ser técnicos) teñan que ser pequenos, porque mover ese material dun lado para outro é custoso. A escaseza de medios materiais fai que teñan que concentrar a sorte da montaxe na calidade dos actores, o que na Aula de Teatro de Santiago é determinante, porque teñen un elenco de actores bárbaro. Tamén hai que dicir que son xente “maior”, e non chavaliños de 19, 20 anos, e iso nótase, pois a madureza dun actor non é igual nunha persoa de 18 anos que nunca fixo teatro e comeza na universidade que en alguén que ten 22 ou 23 e leva varios anos. Espero que o relevo xeracional na Aula de Teatro de Santiago non lles reste calidade no futuro. Porque o que é agora teñen un nivel excelente. E só por un 1,50 euros. Incríbel. A pesar diso, onte non había moita xente, e a que había era basicamente xente maior (os maiores de 65 pagaban tamén só 1,50). Xente nova había moi moi pouca. Qué mágoa, porque o festival de teatro faise principalmente para achegar a xente nova ao teatro, e esta moitas veces non responde. No seu descargo hai que dicir que onte era a festa do patrón de Económicas, e había concertos e alcol e xa se sabe. Eu paseino moito mellor (para min). E rin moito. Sen ter que tomar nada. Maxistral. A ver se a próxima vez algún de vós se anima. Ver á Aula de Teatro da Universiade de Santiago reconcilia co teatro. E coa vida.

jueves, 26 de abril de 2007

En resposta


Tiña pensado poñer algún comentario sobre outro tema, pero vendo o “éxito” que tivo o último texto, sobre unha noticia aparecida en La Voz de Galicia sobre a COPE, e vendo os gratificantes comentarios que deixástedes sobre o tema, pois vou seguir un pouquiño máis con el. Intentarei non aburrir. Antes de nada dicir que me gustaron moito os comentarios, que tratan un montón de temas (en especial o torrente de palabras de Miguel, que parece que quería descargar, e paréceme moi ben) moi interesantes, que darían para moitas páxinas. A ver se pouco a pouco os imos tratando. Tamén quería aproveitar para agradecerlle a Miguel, amais do seu longo e interesante comentario (porque da para debater e escribir e iso mola), o feito de que use o galego como lingua de expresión, e aproveito para darlle un pequeno tirón de orellas ao señor M. Perry, porque a lingua oficial deste blog é o galego, e este homiño teima en usar o castelán, e aínda que eu respecto a opción lingüística de cadaquén (polo de agora, je,je,je), prefiro comentarios e textos en galego. Dito isto, vou ao gran. A maioría dos comentarios van dirixidos a dar unha opinión sobre o comentario de Miguel, non por nada, senón por maior discrepancia de ideas e por estar noutra visión sobre o que eu escribín, todo sempre dende o aprezo e o respeto polas ideas alleas.


En primeiro lugar, ten razón Miguel en que o final do meu texto é bastante desafortunado e un tanto frívolo e pouco xustificábel. Non estiven moi acertado cando escribín que “Sempre está a dereita ameazando, e son eles os únicos que logo van por aí coa intolerancia e o odio por bandeira. Odio e intolerancia, pouco católico. É ben curioso: foi o mesmo que deu lugar á nosa Guerra Civil. E agora repiten. Parece que non lles chegou no 36”. É certo que é un comentario duro e cheo de prexuízos (sigo pensando que non en todo infundados, aténdome aos feitos históricos na España contemporánea, pero si esaxerados). A finalidade deste comentario é “dar caña”, como recomendaba Matías, e provocar un algo de debate, que mola máis. Ao final vexo que a crispación dá resultados e todo! Mirade que ben lle vai a Jiménez Losantos!!


Noutra cousa tamén ten razón Miguel: cando di que non se pode frivolizar ao falar da Guerra Civil española. Os que me levan escoitado falar do tema (veces e veces, que falo moito del e leo moito del) saben que para min é un tema trascendental e do que non frivolizo, porque as guerras son una verdadeira derrota para a humanidade, e toda guerra convértese nunha fábrica indiscriminada de dor e sufrimento. Por iso sorprende a lixeireza coa que os falcóns de White House ou o (por sorte) ex-presidente do goberno español falan de Irak, e das armas de destrución masiva e todo iso, sabendo cómo está o país e a cantidade de sufrimento que causou, causa e causará a guerra en Irak.

O malo do asunto é cando os políticos e xornalistas falan con lixeireza pasmosa e arrepiante do tema. É fácil consultar as hemerotecas para comprobar cómo en varias ocasións Ángel Acebes falou para a televisión dicindo que as reformas do goberno de Zapatero son propias dun goberno radicalizado e que crean un clima como de guerra civil. E isto non o estou a inventar eu agora, iso está nos xornais e nas imaxes dos telediarios. E o mesmo que fixo el (agora sae menos nos medios, por certo e por sorte) lévano facendo dende o 2004 varios medios de comunicación e xornalistas, dicindo que estamos nun clima guerracivilista, ou que se vive unha tensión política como a que se respiraba no 36. Iso é o lamentábel do asunto, que haxa xente con poder mediático que saia a dicir semellantes barbaridades e logo poda durmir tranquilo, e que aínda por riba haxa milleiros de persoas que crean tales opinión, cando nin son certas nin ninguén desexa que sexan certas, pois ninguén quere nin quererá outra guerra en España, nin estamos coma no ano 36 nin nada parecido.

En segundo lugar, quería dicir que o meu texto ía principalmente dirixido a falar da COPE e os seus comportamentos, e non dirixido da relixión, porque nos dous comentarios vexo opinións sobre o tema relixioso. Quizais non foi ben interpretado cando digo que “(…) todas as palabras que me serven para describir o discurso e a forma de ser e actuar da COPE pouco teñen que ver cos valores que o evanxelio e Xesucristo predicaron”. Mais é así. O discurso de Xesucristo está nas antípodas do comportamento de xente como Jiménez Losantos, ao que lle habería que lavar a lingua con lixivia, porque de cada catro palabras que di tres son insultos ou palabras de mal gusto (comprendo que Gallardón se querelara contra Jiménez Losantos logo de que este lle chamara "traidor", "siniestro", "bandido” ou "caradura”, ou de querer manter o poder na alcaldía de Madrid mesmo sobre “los 200 muertos”, en alusión aos atentados do 11-M). Se trata así á xente do PP, que el apoia para gobernar, ¡que dirá dos outros! O deste home é propio de alguén infame e rastrero, que non sabe qué facer para acadar maiores cotas de audiencia (e polo que se ve vaille ben). Que eu saiba, no discurso de Xesucristo imperaba a arela de paz, concordia, solidariedade e amor, e non digo que a COPE teña que ser iso, pero unha radio de titularidade da Conferencia Episcopal, a máxima autoridade en España no que a relixión católica se refire, creo que non debera permitir semellante tono feo, sucio e que nada aporta ao bo xornalismo.

Sígome reafirmando no que puxen sobre a COPE e sobre a noticia que atopei en La Voz de Galicia, porque hai máis sobre o tema. Parece que non fun o único ao que lle sorprendeu a noticia. Non sei se en El País lle deron algún tratamento, porque a pasada semana non o mirei. Só sei que na “Crónica política” de Manuel Campo Vidal que aparece que cada domingo en La Voz de Galicia tamén aparece un comentario sobre o tema. Manuel Campo Vidal é, para todos os que leades a súa “crónica política” (moi moi interesante sempre), un xornalista ecuánime no que escribe e nada radical nos seus comentarios. Este pasado domingo escribía: “Los estrategas de la crispación aconsejaron mal al Partido Popular. La experiencia nefasta de la gestión de la crisis en aquellos día [fala dos atentados do 11-M] le conviene al PP que se olvide y, sin embargo, los estrategas han mantenido vivo el episodio hasta el hastío. Para ello no se ha reparado en gastos y se han utilizado todos los recursos a mano, incluso vulnerando el espíritu fundacional de la cadena radiofónica de la Iglesia. Ha sido estos días Monseñor Enrique Planas, experto en comunicación, el que ha tachado de “suicidas” los planteamientos de las COPE. Criticó a Losantos y afirmó que hay valores que están más allá de la posibilidad de perder audiencia. “Es un riesgo ofrecer una tribuna a los resentidos”, advirtió. Lo que no dijo monseñor Planas en su interesantísima intervención es que buena parte de los problemas del PP hoy en día proceden de ese periodismo supuestamente afín que termina asociando al PP con posiciones de derecha extrema. Ya lo dijo Antonio Hernández Mancha [foi número 2 de AP antes de que Fraga refundara o partido para convertelo no actual PP]: “El drama de Mariano es que Federico le caliente a su gente por la mañana y él pierde el día templándolos. Y al día siguiente vuelta a empezar”. Creo que despois de ler isto sobran as palabras, cando un alto cargo do Vaticano di que “Es un riesgo ofrecer una tribuna a los resentidos”, polo que ao final parece que non me equivoquei moito cando utilicei a palabra resentimento para falar da actitude de Jiménez Losantos e compaña.

No que agora non vou entrar é na miña opinión para a relixión, porque este texto xa é longo de máis, e vai ser moi aburrido e cansino, pero queda pendente para outro día. Agora ben, coincido con Matías en que non entendo o de “dogmática dos acontecementos históricos” ao que se refire Miguel. Xa sei que non se debe confundir Igrexa con relixión (son cousas distintas), pero no entendo porque a Conferencia Episcopal ten que debater pastorais nas que falan da unidade de España como valor moral e cousas así, non vén a conto que nun documento de contido doutrinal relixioso como entendo que é unha pastoral se fale da unidade de España.


Xa para ir rematando, dúas cousiñas máis. Primeiro que xa vin o gol de Messi; segundo, que creo que non perdín nada por non a Rajoy, como non perdín demasiado por non ver a Zapatero cando estivo no programa das preguntas, porque sei que tanto un coma o outro intentarían axustarse aos seus discursos oficiais e pouca cousa nova engadirían. Terceiro, paréceme moi acertado o comentario de Miguel sobre o IPC, ten toda a razón, algo falla, porque os prezos en moitas cousas subiron máis do 3 ou 4 % de taxa “oficial” de inflación. Cuarto, non vou comentar nada de certo comentario de Miguel cando di “que vexo no teu discurso moitos prexuizos que fan que non aceptes outras ideas, tanto relixiosas coma políticas, cando non casan coas túas”, pois non me considero intolerante e gústame escoitar as ideas alleas, aínda que poda disentir. É certo que teño prexuizos, no sentido de xuizos previos (pre-xuizos) porque a miña visión do mundo é parcial e está tamizada polas miñas opinións, ideas e crenzas, a partir das cales xulgo o demais, o cal non quer dicir que non acepte outras ideas nin que queira imponer as miñas. Ás veces podo semellar un pouco intolerante porque non me gustan demasiado as voltas que o "politicamente correcto" fai que lle teñamos que dar ás cousas. Todos temos xuizos previos, e quen non os ten é porque non ten na cachola nada máis que serrín, porque non pensa en nada e non intenta formarse un xuizo sobre a actualidade ou temas da vida.


Ben, vou rematando, fican temas pendentes para máis comentarios. Agradecer de novo os comentarios, para que podamos seguir debatendo no futuro deste e doutros temas, que se vexa que somos universitarios, con ganas de falar, discutir, pensar, reflexionar, xente viva en definitiva (a poder ser xente viva en galego, please).

sábado, 21 de abril de 2007

Sorprendente

Confeso que aínda non vin o gol de Messi, e como todo o mundo fala del, dáme certa rabia. Agora ben, gustaríame saber qué tal lle foi o xoves a Rajoy no programa ese das preguntas Tengo una pregunta para usted ou algo así, porque non o vin (O Show dos Tonechos é de visión obrigada). Aínda que o de Rajoy xa tiña menos mérito, pois partía coa vantaxe de ir ao programa despois de Zapatero. Aínda recordo con bochorno e vergoña allea a polémica enorme que se montou nos medios de comunicación cando Zapatero dixo nese programa que un café custaba 80 céntimos. Nas portadas de todos os xornais (sen excepción, El País incluido) de certa tirada apareceu a noticia, e xa non digamos en Antena 3 ao día seguinte. Lamentábel. ¡Moi ben debe ir este país para que ao día seguinte ao programa a principal información que nos tiñan que dar os medios fora que Zapatero pensaba que un café valía 80 céntimos! Os medios (incluida foto na portada de El País) querían dicir con semellante cobertura: “os presidente vive nunha nube, vive afastado do que día a día dos cidadáns”. E por suposto que vive, como viven a maioría dos altos cargos políticos deste país. E claro que me parece importante que o “presi” saiba o que lle custa ao cidadán medio non só un café, senón outras moitas cousas (xa non falemos dos pisos), pero creo que non merecía tanto bombo o asunto. O dito, que temos uns medios frívolos, interesados e moi alineados (que non alienados), que ocultan moitas e moitas veces a realidade diaria de todas as persoas que teñen que pagar 80 céntimos ou máis (dependendo do local e a rexión) por tomar un café.

Casualmente, eu quedeime con outro detalle. Para xustificar que Zapatero crea que un café custa un 80 céntimos, dicían que o causa era que no Congreso o café cortado vale 70 céntimos e o café con leite 73, porque eran prezos regulados. Gustaríame ter escoitado nese momento aos medios de comunicación dicir algo. Nin pío. Chitón. E a min paréceme máis importante isto dos presos de saldo para o café que o que dixo ZP. Non entendo por qué no Congreso o café ten que valer moito menos que na rúa, supoño que polo efecto dalgún tipo de axuda pública ou algo así, que sae, cómo non, dos petos de todos nós (incluidos tamén os que non somo asalariados, que para iso pagamos IVA e demais impostos indirectos). O peor é que logo os políticos quérense presentar como xente normal, da rúa, coma ti e coma min, cando está claro que nin o son nin o serán, polos cantidade de privilexios que teñen en moitísimos ámbitos sociais, xurídicos, etc. Sempre pensei que os políticos non serían coma os cidadáns de a pé até que pagasen o mesmo que calquera de nós por un café nun bar. E iso non se dá (e inda por riba logo moitos nin van ao Congreso, que é o peor da historia; imaxino que estarán na cafetería do Congreso enchéndose a cafés aproveitando que lles sae tan barato para o que debe custar un café en Madrid).

Como se pode deducir do que escribo, o xoves non vin a Rajoy na tele, pero polo que lin na prensa, fíxose o sueco coa xestión do seu partido co tema dos atentados do 11-M, entre outras cousas. Xustificouse dicindo que nese momento el non estaba no goberno. Aaahh, boa resposta, se non fora porque era candidato á presidencia do goberno polo seu partido!! Por Deus, non sei se os de agora son bos ou non (en moitas cousas teñen que mellorar moito, ou simplemente ser un pouquichiño progresistas), pero como gañe a oposición as eleccións, puf. É mellor morrer.

Creo que non perdín moito por non ver a Rajoy. O que si vin foi outra cousa que me chamou moito, pero que moitísimo máis a atención. Foi na edición de do xoves de La Voz de Galicia, na páxina de “Televisión” (páxina 61), nun pequenísimo recadro no que era difícil reparar. O titular dicía: “Un experto del Vaticano critica el comportamiento informativo de la cadena Cope”. Sorprendente. O curioso é que me sorprenda, pero dá para sorprender, porque na Conferencia Episcopal calan como petos ante o comportamento diario dalgúns dos seus presentadores e tertulianos. Pero se un lía algo a noticia era mellor, porque dicía que “Monseñor Enrique Planas, observador permanente de la Santa Sede ante el Consejo de Cultura y Comunicación de Europa, pidió ayer medidas contra algunos de los comportamientos informativos de la COPE que calificó de “suicidas”. Planas criticó concretamente al presentador del programa La mañana, Federico Jiménez Losantos, y afirmó que hay valores que “están más allá” de la posibilidad de perder audiencia. Agregó que en algunos casos “habría que tomar medidas”. Como vedes, breve pero contundente este home, botoulle un par, porque se atreveu a facer o que nin a Igrexa nin os políticos da dereita deste país se atreveron a facer nestes anos. Non creo que o tal Monseñor se atrevese a dicir o que dixo se estivese en España, pero visto o poder que teñen os medios da dereita, e sobre todo a COPE, neste país é digno de agradecer. E falta facía, porque, centrándome na COPE, o Jiménez Losantos ese ao que tanta xenreira lle teño e o César Vidal e a Cristina esa de nome estraño levan quentando demasiado a temperatura política deste país desque o PSOE gañou lexitimamente as eleccións, nun alarde de resentimento, odio, intolerancia, mal gusto e mala educación constantes, malas palabras e insultos (consultade o libro Las barbaridades de la COPE, o autor non o recordo) que teñen levado ao debate mediático e político deste país a uns niveis de degradación, pobreza e crispación que creo que en moitos moitos anos non se viron por estas latitudes. Casualmente, todas as palabras que me serven para describir o discurso e a forma de ser e actuar da COPE pouco teñen que ver cos valores que o evanxelio e Xesucristo predicaron, e polo de agora non escoitei á Conferencia Episcopal alzar a voz públicamente contra os presentadores estrelas dos seus programas, será porque no fondo non lles disgusta tanto o que din, ou porque así teñen un ariete co que criticar a atacar as reformas emprendidas polo Goberno (matrimonios homosexuais, divorcio express, etc.) sen ter que dar directamente a cara e sen que os acusen de meterse na vida política. Xa se sabe os disgustos e problemas que houbo neste país co tema da separación Igrexa –Estado. A República do 31 deu o gran paso nese senso (o mesmo que permitiu votar á muller ou aumentar en miles o número de escolas), e xa se sabe como acabou. Faime graza, desde os medios da dereita fálase de clima de guerra civil, de discursos e reformas guerracivilistas feitas polo goberno, e evidentemente non é certo. Casualmente, a ninguén lle escoitei falar tanto desde cousas como aos gurús mediáticos da COPE, o ABC ou El Mundo. Sempre está a dereita ameazando, e son eles os únicos que logo van por aí coa intolerancia e o odio por bandeira. Odio e intolerancia, moi pouco católico. É ben curioso: foi o mesmo que deu lugar á nosa Guerra Civil. E agora repiten. Parece que non lles chegou no 36.

miércoles, 18 de abril de 2007

Verdadeiro noxo: as armas e a matanza nunha universidade USA


Seica agora aos americanos dos USA non lles chega con matar xente no Irak ocupado que até se matan entre si mesmos!! Deixando o humor negro (burrada mellor dito), non é para brincadeira o que lin na prensa gratuita de onte, o da masacre nunha Universidade en Virginia. Trinta e pico mortos e non sei cantos feridos, un resultado máis propio do seu Irak que dun país en paz: é o que ten o efecto boomerang da violencia.


Estou certo de que nunca entenderei ben o imaxinario e o sistema de valores da moi plural sociedade estadounidense. É unha república da hipocrisía, onde case mandan ao lume a Janet Jackson por ensinar sen querer un peito, mentres millóns de persoas alí xustifican a posesión indiscriminada, e o emprego moitas veces frívolo das mesmas, pola poboación civil. Non entendo ben cómo un Estado berce do constitucionalismo moderno, un dos fundadores do núcleo esencial do réxime democrático moderno, teña recoñecido (por vía de emenda se non me trabuco) como dereito constitucional a posesión de armas. Xamais o entenderei.


Mira que dá noxo toda esta xente da Asociación Nacional do Rifle, con Charlton Heston á cabeza, que lle fan o xogo as empresas armamentísticas (facendo que gañen cada vez máis e máis e máis cartos co negocio da morte e a brutalidade), xustificando a necesidade das armas (os desta Asociación da morte din que son para ¡cazar!, e isto é certo). É unha verdadeira vergoña para o ser humano: se por algo nos temos que distinguir é polo emprego da palabra, o diálogo, a tolerancia, palabras que tanto se din que case quedaron baleiras de contido, pero que son tan bonitas e tan necesarias que hai que seguir usándoas e telas na boca. Ben, paro co discurso tópico de sempre, aínda que o debate sobre as armas continúa por aquelas latitudes, e non parará.


Canta hipocrisía. Decontado saíu a falar Bush, dicindo que estaba “horrorizado” polo que pasara, e que había que aumentar as medidas de seguridade nos centros de ensino. Nin palabra de restrinxir a venda indiscriminada de armas, nada. Non aprenderon do de Columbine. Volta ser necesario ver Bowling for Columbine, excelente documental onde se reflite a realidade dunha sociedade con moito medo, constantemente aterrorizada polos mensaxes que políticos e medios de comunicación lanzan constantemente. Ademais, este documental é moi criticado polos liberais, logo hai que velo, algo tan importante e molesto ten que dicir para que sexa tan insultado e criticado nas webs liberais (que por certo xustifican a tenencia de armas, cómo non, en nome de non sei que liberdade). Quizais sexa o feito de falar dos miles de mortos cada ano nos USA polo emprego de armas. Será que amosa cómo centos de mozos teñen acceso incribelmente sinxelo ás armas (terríbeis as imaxes dunha sucursal bancaria onde se regalaba unha pistola nada máis por abrir unha conta). Será que aposta pola non violencia. Que noxo que haxa tanta xente por alá que non defenda, precisamente, estes valores. Moitos gañan miles de millóns de dólares vendendo tanques onde morren soldados hispanos e negros en Irak e Afganistán; outros moitos ven cómo ir estudar pode ser, ás veces, perigoso, moi perigoso. Que noxo.

martes, 17 de abril de 2007

É ben curioso

O certo é que son firme defensor da Guerra Civil como tema para a literatura e a historiografía en Galicia e en España. Pero tratado dunha forma seria. Explícome. Como lle escoitei unha vez ao historiador Ramón Villares (ou foi a Barreiro Rivas?, tanto ten), as guerras marcan o ano cero de calquera sociedade. Qué gran verdade para o que ocorreu en España, porque co golpe de Estado de febrero do 36 (digo febreiro porque foi trala vitoria do Frente Popular cando comezou a preparación do golpe, que esas cousas non se preparan en dúas tardes, que non é como Zapatero coa economía) algo importante mudou no país. E aínda fican moitas cousas por dicir sobre a temática da nosa guerra fratricida.
É ben curioso. Moito se leva falado sobre a guerra, pero do que aínda carecemos é dun relato común e de certo consenso (qué palabra máis fea) sobre os feitos do golpe do Estado, a guerra e a represión. Diso ten algo escrito Javier Cercas no seu libro La verdad de Agamenón. É ben curioso que moitas das mellores páxinas sobre a guerra civil española foran escritas (e sexan escritas na actualidade) por hispanistas estranxeiros. Porque case hai máis libros nas librarías publicados por historiadores estranxeiros que por historiadores de noso. Pensemos en Gabriel Jackson, Anthony Beevor, Paul Preston, Hugh Thomas, Edward Malefakis, Ian Gibson, Charles Powell (un dos maiores especialistas na transición española) ou Stanley G. Payne (aínda que este xa desde un visión máis dereitista). Son moitos, e na maioría dos casos realment bos.
É ben curioso que a día de hoxe sigamos sen poñernos de acordo os propios españois sobre o que ocorreu e por que ocorreu no relativo á guerra civil, ao levantamento militar, á represión, etc. É realmente triste. E logo aínda veñen os Pío Moa e César Vidal de turno para ceibar os seus libros de pseudohistoria ás librarías. E logo hai quen os merca e cre como verdade revelada todo o que pon neles.
É ben curioso. É como se os mellores libros sobre a guerra civil norteamericana, a Guerra de Secesión, foran escritos por españois. Non sei se é así, mais ... creo que non. Nin será.

A parada que nos queda

As teses do vento nos arames
moven a roupa da tristura
o vestido azul dos recordos…

Se cadra é boa metáfora ter un territorio para a memoria, a melancolía, a carraxe ou o berro grave contra os arquitectos da soidade, a incomunicación, a guerra: Nós. Vivimos nun tempo onde unha raíña foxe cara diante cunha carauta transparente onde reflite a nosa imaxe de pouca palabra: reina a desorientación, a desesperanza.

Enche moito de canseira escoitar que nada é posíbel xa, e con esa mensaxe imos avante toda, vou avante toda. Xa o dicía Platero y Tú:
voy a parar en el camino
y en lo que dura un cigarrito
voy a pensar en estos años
todo lo que ha pasado
en el cajón de la memoria
guardo trocitos de la historia
(…)
Es mejor que se pare el tren
Y mirar que todo va bien"
(…)

Ás veces é mellor parar un intre, un anaco breve, mirar atrás e comprobar que non é pouco o camiño que levamos andado. Os apóstoles da desesperanza do mundo actual dirían nese momento que xa non vale a pena que sigamos andando, que non imos inventar nada novo andando o que nos queda, e que xa outros andaron mellor que nós o camiño que resta. Non os aturo, todo o día condenando aos soños á unha morte lenta e dolorosa, cruel, fea. É preciso soñar. Hoxendía soñar ten un aquel de acto revolucionario.

O certo é que cando nacemos (e somos feos de bebés, aínda que teñamos uns dedos das mans moi riquiños e unas dedas dos pés moi riquiñas) non se diferenza en moitos casos o sexo do cativo para os descoñecidos e parentes molestos, e por iso se emprega a roupa (no caso de non ter aínda pendentes nin buratos para eles) como medio para ir construíndo a nosa identidade. O azul para os nenos, o rosa para as nenas. O problema é cando os pais escollen, por exemplo, un vestido azul para unha nena. A confusión pode ser grande (ou non) ao principio. É un momento de desorientación, no que só se nos ocorre facer parvadas diante dos bebés, emitindo ruídos estraños e poñendo caras raras, como se fosen parvos os pequenos. Chámalle parvo a unha cousa que pasou tres cuartas partes dun ano ao quente, comendo e bebendo ben e sen preocupacións. Os bebés son listos de carallo. E o certo é que non sei moi ben a qué vén isto. Ai si, a desorientación.

Case que o bo é ter pequenas paradas, os recordos, a memoria, moita memoria. De cando en vez quizais pare algo por aquí, para coller un pouco alento no duro camino, e entre alento e alento podería estar ben debullar algún conto sobre unha certa peza de roupa. Está no baúl das palabras, chea de pó, sedenta de tacto en galego sobre a súa tea. Moita memoria. Se cadra semella un vestido. Si, un vestido con sono e soños. Un vestido. Azul. Azul.