Comecei a cavilar no tema hai xa algún tempo. Como en tantas outras cousas, reparei na cuestión de casualidade: dentro de pouco tempo cumprirase o primeiro século de existencia dunha formulación teórica plenamente nacionalista dentro da configuración paseniña do pensamento galeguista. Parece haber consenso en considerar a etapa encetada alá polo 1916 polas Irmandades da Fala como o momento fundacional para algo que xa podemos considerar "nacionalismo galego" xa dunha forma estrita, o resultado da evolución dun proceso alicerzado dende o século XIX.
A labor era tremenda, e nun intre no que a efervescencia do principio das nacionalidades no panorama das relacións internacionais daba azos ao desenvolvemento das alternativas sociopolíticas nacionalistas en diversos recantos de Europa, os nosos primeiros nacionalistas (os que así comezaron a se definir, pois moitos xa militaban no galeguismo dende tempo atrás) comezaron a traballar arreo na difusión no seu ideario, nun movemento que, comandado por unha minoría de intelectuais, aspiraba a ser maioritario na nosa Terra. Era necesario tanto a acción cultural como a máis estritamente política, sempre tendo presente que a militancia a prol da cultura galega na época non deixaba de poñer de manifesto unha determinada opción política, máis ou menos explicitada ou elaborada teóricamente, mais ao cabo detectábel, e nisto radicaban moitos dos debates no seo das primeiras Irmandades, entre os partidarios da acción puramente cultural e os defensores da idea de converter ás mesmas nun movemento que trascendera a actividade puramente culturalista para derivar a súa acción cara o terreo da acción política directa e a necesidade de concorrer ás eleccións con candidaturas propias e programa definido.
Habia moito por facer. O mesmo que a sociedade galega da época afogaba no subdesenvolvemento da nosa economía, a enxurrada migratoria na procura de oportunidades alén das que ofrecía o traballo no sector primario, a falta de infraestruturas, a marxinación polas institucións políticas centrais e a desidia das instancias de poder galegas, o nacionalismo galego comezou a construción dunha obra teórica coa que dar soporte á súa acción e traballo, e asemade contribuír ao espallamento do seu ideario no imaxinario colectivo do pobo galego. Obras como Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco foron marcando o vieiro neste percorrido, completado, entre outros nomes, coas aportacións dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte e de tantos outros dende as páxinas de A Nosa Terra, tribuna de excepción para a labor política, propagandística e cultural do movemento nacionalista galego, como voceiro das Irmandades da Fala primeiro e do Partido Galeguista despois; ou, andado o tempo, coa chamada biblia do nacionalismo galego, o Sempre en Galiza de Castelao, editado no exilio en Buenos Aires na década dos anos 40 do século pasado.
Porén, coido que é unha evidencia que a obra teórica, política, de propaganda, de axitación ou máis de reflexión artellada polo núcleo dirixente do nacionalismo do primeiro terzo do século XX sempre deitou máis atención en cuestións de índole máis ben política, cultural ou social, e moito menos na conformación dun corpus teórico de pensamento económico con entidade diferenciada, así como dun programa económico que, principiando por unha análise realista e global das eivas e deficiencias das que adoecía a base económica da sociedade galega do momento, contribuíse a fornecer unha alternativa integral e minuciosa para a nosa economía – dende a perspectiva interclasista que alentou a actuación e as mensaxes do Partido Galeguista dende a súa constitución en decembro de 1931-, centrada nos intereses do país, e con independencia da maior ou menor consecución de éxitos inmediatos e doados. Os nosos teóricos nacionalistas da preguerra (civil) tíñanse referido en moitos dos seus escritos á diversidade de problemas económicos e ás limitacións e/ou ineficacia das solucións practicadas polos gobernantes do momento, mais en moitos casos non pasaban de aí, sen chegar a ofrecer verdadeiras recetas, en forma de programa integral de política económica, para a sanación das enfermidades crónicas que padecía o noso corpo económico. E niso coido que estivo sempre unha das meirandes limitacións do pensamento nacionalista.
É ben certo que tanto o Risco de El problema político de Galicia (1930), como o Castelao de Sempre en Galiza ou o Antón Villar Ponte de Nuestra afirmación regional, por citar algúns exemplos, tratan temática económica nos seus textos; porén acotío fano como unha cuestión secundaria, de non moita profundidade analítica e pouco desenvolvida na súa formulación, de seguro máis preocupados (e dito isto sen un carácter pexorativo) por teorizar sobre os trazos que caracterizan a Galicia como nación, ou por definir a táctica na práctica política cotiá que debera seguir o nacionalismo galego.
E neste contexto de necesaria atención á estruturación organizativa e á conformación ideolóxica dun nacionalismo aínda mozo na súa implantación social, a análise económica decote ficou relegada a un segundo plano que dificultou o progreso dun pensamento económico no eido do galeguismo nacionalista, no que, agás as aportacións de Alexandre Bóveda, cuxa obra teórica é escasa, non é doado atopar unha vontade clara de construír uns alicerces estritamente económicos desde os que enxergar o panorama socioeconómico daquel tempo. Mais tendo isto presente, non podemos esquecer, para sermos xustos, as limitacións e condicionantes da época no que a desenvolvemento do pensamento económico se refire, pois, por exemplo, non será até 1936 cando Keynes publique o súa Teoría Xeral, dando un pulo definitivo a consolidación e expansión da macroeconomía e o seu estudo.
O golpe militar do 36 levou por diante toda a obra, moita ou pouca, mellor ou peor, mais obra ao cabo, do nacionalismo galego e os seus militantes ao longo das décadas anteriores, unha tarefa de espertar da conciencia nacional galega construída paseniñamente, dende a modestia de medios e a elaboración teórica, na que aínda había moito por desenvolver, sobre todo no eido da análise económica.
O galeguismo quedou descabezado, militantes sobranceiros como Bóveda, Ánxel Casal (alcalde galeguista de Santiago de Compostela) ou Víctor Casas foron fusilados; outros moitos (Castelao, Luis Seoane) padeceron o exilio, e os que ficaron en Galicia víronse forzados, polo menos nos primeiros momentos do réxime fascista de Franco, a gardar silencio, salvando a vida algúns deles polo súa oposición á alianza do Partido Galeguista cos partidos de esquerda e republicanos españois na Fronte Popular para as eleccións de 1936, o que non impediu, porén, que foran represaliados profesionalmente (caso de Ramón Villar Ponte ou Otero Pedrayo).
Non sería até a década dos 60 cando comezaron a madurecer propostas de reorganización do nacionalismo, que cristalizaron na creación do Partido Socialista Galego (PSG) e da Unión do Povo Galego (UPG), partidos que apostaron pola fusión de nacionalismo e marxismo (especialmente na UPG nos primeiros intres, dada a súa definición inicial como partido marxista-leninista), nunha mistura nova no nacionalismo galego, na que a teorización encol da loita de clases, o papel do proletariado na liberación, que agora ademais de nacional (manifestada no exercicio do dereito de autodeterminación polo pobo galego) debía ser tamén social (coa construción dunha sociedade socialista sen clases baixo os patróns da teoría marxista); e os exemplos dos movementos de loita de liberación nacional encetados no Terceiro Mundo (Arxelia, Vietnam), comezaban a ser referentes na práctica política e a construción ideolóxica das novas organizacións nacionalistas, que supuxeran dende a súa creación unha ruptura co pensamento nacionalista vixente antes do estourido da Guerra Civil, tanto na referente á liña política, agora desenvolvida dende unha perspectiva de clase (clase obreira), en contraste coa liña interclasista sostida polo Partido Galeguista antes de 1936, como no tocante á liña ideolóxica, decantada claramente cara o esquerdismo e os novos referentes provenientes de Mao ou a Revolución Cubana.
Será neste entorno onde comecen a agromar, agora si, teorizacións arredor da economía galega con vocación dunha certa globalidade na análise. Neste eido sobrancea O atraso económico de Galicia, publicada no ano 1972 e da autoría de Xosé Manuel Beiras (daquela líder do Partido Socialista Galego), libro xa clásico do pensamento nacionalista galego, referencia dende a súa publicación, dado o seu carácter de primeira obra que procura, baixo unha pretensión de globalidade, unha análise do estrututa económica galega e unha explicación dos factores que conduciran e mantiñan nese intre histórico a nosa economía nun estadio de subdesenvolvemento relativo en comparanza co conxunto do Estado español. Seguindo liñas interpretativas provenientes de autores vencellados á CEPAL, e a partir de conceptos como dualismo, dependencia ou colonialismo interior, Beiras recolle as aportacións dos seus antecesores nacionalistas da preguerra, caso de Risco e Castelao, e a partir dalgunhas ideas que xa figuraban nos escritos galeguistas verbo de temática económica publicados antes do golpe fascista-militar de 1936, dálles unha nova forma, introducindo novos conceptos, novas análises, dende unha óptica marxista en moitos casos, configurando unha obra que se pode considerar o comezo da economía política galega.
Deste xeito, é a partir dos 60 e, sobre todo, dos anos 70, cando o pensamento económico no seo do nacionalismo galego (ou dun xeito máis amplo, do galeguismo) colle folgos e comeza unha carreira que comezará a dar froitos, quizais non moi coñecidos, mais nos que xa se estabiliza a análise económica como unha temática central no desenvolvemento do pensamento e dos programas político-electorais do nacionalismo deica a actualidade. Obras seguintes de Beiras, ou doutros autores como Ramón López Suevos (Do capitalismo colonial; Cara unha visión crítica da economía galega), Camilo Nogueira (O poder industrial en Galicia), Xan López Facal (O poder industrial en Galicia; Desarticulación y dependencia industrial de Galicia), María do Carme García Negro, Xavier Vence ou Xaquín Fernández Leiceaga (Estrutura Económica de Galiza; Capital estranxeiro e industrialización en Galicia), entre outros, contribuíron a esta expansión do estudo científico arredor da economía galega, a súa estrutura, os seus problemas e posíbeis solucións para as súas principais eivas.
O que si se bota en falta, dende o meu punto de vista, é a existencia de literatura que pretenda sintetizar a evolución dese pensamento económico no nacionalismo, fundamental para o normalización plena deste país. Oxalá en non moito tempo alguén nos presente algunha aproximación arredor sobre o tema. Benvida será.



