sábado, 26 de julio de 2008

Encol do pensamento económico no nacionalismo galego

Comecei a cavilar no tema hai xa algún tempo. Como en tantas outras cousas, reparei na cuestión de casualidade: dentro de pouco tempo cumprirase o primeiro século de existencia dunha formulación teórica plenamente nacionalista dentro da configuración paseniña do pensamento galeguista. Parece haber consenso en considerar a etapa encetada alá polo 1916 polas Irmandades da Fala como o momento fundacional para algo que xa podemos considerar "nacionalismo galego" xa dunha forma estrita, o resultado da evolución dun proceso alicerzado dende o século XIX.


A labor era tremenda, e nun intre no que a efervescencia do principio das nacionalidades no panorama das relacións internacionais daba azos ao desenvolvemento das alternativas sociopolíticas nacionalistas en diversos recantos de Europa, os nosos primeiros nacionalistas (os que así comezaron a se definir, pois moitos xa militaban no galeguismo dende tempo atrás) comezaron a traballar arreo na difusión no seu ideario, nun movemento que, comandado por unha minoría de intelectuais, aspiraba a ser maioritario na nosa Terra. Era necesario tanto a acción cultural como a máis estritamente política, sempre tendo presente que a militancia a prol da cultura galega na época non deixaba de poñer de manifesto unha determinada opción política, máis ou menos explicitada ou elaborada teóricamente, mais ao cabo detectábel, e nisto radicaban moitos dos debates no seo das primeiras Irmandades, entre os partidarios da acción puramente cultural e os defensores da idea de converter ás mesmas nun movemento que trascendera a actividade puramente culturalista para derivar a súa acción cara o terreo da acción política directa e a necesidade de concorrer ás eleccións con candidaturas propias e programa definido.


Habia moito por facer. O mesmo que a sociedade galega da época afogaba no subdesenvolvemento da nosa economía, a enxurrada migratoria na procura de oportunidades alén das que ofrecía o traballo no sector primario, a falta de infraestruturas, a marxinación polas institucións políticas centrais e a desidia das instancias de poder galegas, o nacionalismo galego comezou a construción dunha obra teórica coa que dar soporte á súa acción e traballo, e asemade contribuír ao espallamento do seu ideario no imaxinario colectivo do pobo galego. Obras como Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco foron marcando o vieiro neste percorrido, completado, entre outros nomes, coas aportacións dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte e de tantos outros dende as páxinas de A Nosa Terra, tribuna de excepción para a labor política, propagandística e cultural do movemento nacionalista galego, como voceiro das Irmandades da Fala primeiro e do Partido Galeguista despois; ou, andado o tempo, coa chamada biblia do nacionalismo galego, o Sempre en Galiza de Castelao, editado no exilio en Buenos Aires na década dos anos 40 do século pasado.


Porén, coido que é unha evidencia que a obra teórica, política, de propaganda, de axitación ou máis de reflexión artellada polo núcleo dirixente do nacionalismo do primeiro terzo do século XX sempre deitou máis atención en cuestións de índole máis ben política, cultural ou social, e moito menos na conformación dun corpus teórico de pensamento económico con entidade diferenciada, así como dun programa económico que, principiando por unha análise realista e global das eivas e deficiencias das que adoecía a base económica da sociedade galega do momento, contribuíse a fornecer unha alternativa integral e minuciosa para a nosa economía – dende a perspectiva interclasista que alentou a actuación e as mensaxes do Partido Galeguista dende a súa constitución en decembro de 1931-, centrada nos intereses do país, e con independencia da maior ou menor consecución de éxitos inmediatos e doados. Os nosos teóricos nacionalistas da preguerra (civil) tíñanse referido en moitos dos seus escritos á diversidade de problemas económicos e ás limitacións e/ou ineficacia das solucións practicadas polos gobernantes do momento, mais en moitos casos non pasaban de aí, sen chegar a ofrecer verdadeiras recetas, en forma de programa integral de política económica, para a sanación das enfermidades crónicas que padecía o noso corpo económico. E niso coido que estivo sempre unha das meirandes limitacións do pensamento nacionalista.


É ben certo que tanto o Risco de El problema político de Galicia (1930), como o Castelao de Sempre en Galiza ou o Antón Villar Ponte de Nuestra afirmación regional, por citar algúns exemplos, tratan temática económica nos seus textos; porén acotío fano como unha cuestión secundaria, de non moita profundidade analítica e pouco desenvolvida na súa formulación, de seguro máis preocupados (e dito isto sen un carácter pexorativo) por teorizar sobre os trazos que caracterizan a Galicia como nación, ou por definir a táctica na práctica política cotiá que debera seguir o nacionalismo galego.


E neste contexto de necesaria atención á estruturación organizativa e á conformación ideolóxica dun nacionalismo aínda mozo na súa implantación social, a análise económica decote ficou relegada a un segundo plano que dificultou o progreso dun pensamento económico no eido do galeguismo nacionalista, no que, agás as aportacións de Alexandre Bóveda, cuxa obra teórica é escasa, non é doado atopar unha vontade clara de construír uns alicerces estritamente económicos desde os que enxergar o panorama socioeconómico daquel tempo. Mais tendo isto presente, non podemos esquecer, para sermos xustos, as limitacións e condicionantes da época no que a desenvolvemento do pensamento económico se refire, pois, por exemplo, non será até 1936 cando Keynes publique o súa Teoría Xeral, dando un pulo definitivo a consolidación e expansión da macroeconomía e o seu estudo.


O golpe militar do 36 levou por diante toda a obra, moita ou pouca, mellor ou peor, mais obra ao cabo, do nacionalismo galego e os seus militantes ao longo das décadas anteriores, unha tarefa de espertar da conciencia nacional galega construída paseniñamente, dende a modestia de medios e a elaboración teórica, na que aínda había moito por desenvolver, sobre todo no eido da análise económica.


O galeguismo quedou descabezado, militantes sobranceiros como Bóveda, Ánxel Casal (alcalde galeguista de Santiago de Compostela) ou Víctor Casas foron fusilados; outros moitos (Castelao, Luis Seoane) padeceron o exilio, e os que ficaron en Galicia víronse forzados, polo menos nos primeiros momentos do réxime fascista de Franco, a gardar silencio, salvando a vida algúns deles polo súa oposición á alianza do Partido Galeguista cos partidos de esquerda e republicanos españois na Fronte Popular para as eleccións de 1936, o que non impediu, porén, que foran represaliados profesionalmente (caso de Ramón Villar Ponte ou Otero Pedrayo).


Non sería até a década dos 60 cando comezaron a madurecer propostas de reorganización do nacionalismo, que cristalizaron na creación do Partido Socialista Galego (PSG) e da Unión do Povo Galego (UPG), partidos que apostaron pola fusión de nacionalismo e marxismo (especialmente na UPG nos primeiros intres, dada a súa definición inicial como partido marxista-leninista), nunha mistura nova no nacionalismo galego, na que a teorización encol da loita de clases, o papel do proletariado na liberación, que agora ademais de nacional (manifestada no exercicio do dereito de autodeterminación polo pobo galego) debía ser tamén social (coa construción dunha sociedade socialista sen clases baixo os patróns da teoría marxista); e os exemplos dos movementos de loita de liberación nacional encetados no Terceiro Mundo (Arxelia, Vietnam), comezaban a ser referentes na práctica política e a construción ideolóxica das novas organizacións nacionalistas, que supuxeran dende a súa creación unha ruptura co pensamento nacionalista vixente antes do estourido da Guerra Civil, tanto na referente á liña política, agora desenvolvida dende unha perspectiva de clase (clase obreira), en contraste coa liña interclasista sostida polo Partido Galeguista antes de 1936, como no tocante á liña ideolóxica, decantada claramente cara o esquerdismo e os novos referentes provenientes de Mao ou a Revolución Cubana.


Será neste entorno onde comecen a agromar, agora si, teorizacións arredor da economía galega con vocación dunha certa globalidade na análise. Neste eido sobrancea O atraso económico de Galicia, publicada no ano 1972 e da autoría de Xosé Manuel Beiras (daquela líder do Partido Socialista Galego), libro xa clásico do pensamento nacionalista galego, referencia dende a súa publicación, dado o seu carácter de primeira obra que procura, baixo unha pretensión de globalidade, unha análise do estrututa económica galega e unha explicación dos factores que conduciran e mantiñan nese intre histórico a nosa economía nun estadio de subdesenvolvemento relativo en comparanza co conxunto do Estado español. Seguindo liñas interpretativas provenientes de autores vencellados á CEPAL, e a partir de conceptos como dualismo, dependencia ou colonialismo interior, Beiras recolle as aportacións dos seus antecesores nacionalistas da preguerra, caso de Risco e Castelao, e a partir dalgunhas ideas que xa figuraban nos escritos galeguistas verbo de temática económica publicados antes do golpe fascista-militar de 1936, dálles unha nova forma, introducindo novos conceptos, novas análises, dende unha óptica marxista en moitos casos, configurando unha obra que se pode considerar o comezo da economía política galega.


Deste xeito, é a partir dos 60 e, sobre todo, dos anos 70, cando o pensamento económico no seo do nacionalismo galego (ou dun xeito máis amplo, do galeguismo) colle folgos e comeza unha carreira que comezará a dar froitos, quizais non moi coñecidos, mais nos que xa se estabiliza a análise económica como unha temática central no desenvolvemento do pensamento e dos programas político-electorais do nacionalismo deica a actualidade. Obras seguintes de Beiras, ou doutros autores como Ramón López Suevos (Do capitalismo colonial; Cara unha visión crítica da economía galega), Camilo Nogueira (O poder industrial en Galicia), Xan López Facal (O poder industrial en Galicia; Desarticulación y dependencia industrial de Galicia), María do Carme García Negro, Xavier Vence ou Xaquín Fernández Leiceaga (Estrutura Económica de Galiza; Capital estranxeiro e industrialización en Galicia), entre outros, contribuíron a esta expansión do estudo científico arredor da economía galega, a súa estrutura, os seus problemas e posíbeis solucións para as súas principais eivas.


O que si se bota en falta, dende o meu punto de vista, é a existencia de literatura que pretenda sintetizar a evolución dese pensamento económico no nacionalismo, fundamental para o normalización plena deste país. Oxalá en non moito tempo alguén nos presente algunha aproximación arredor sobre o tema. Benvida será.

viernes, 11 de julio de 2008

Tempo de crise (limiar)

Estaba a falar coa miña nai da “crise” económica. Seguramente as amas de casa sexan as mellores tertulianas que poderiamos atopar para falar do tema. Parece que por crise se entende unha especie de acontecemento, de situación máis próxima á Apocalipse que ao terreal, e non ten por qué ser así. Comezo a estar farto do debate semántico encol da situación conxuntural da economía española: que se crise (cualificación empregada polo PP e os medios de comunicación, entre eles medios afíns ao entorno gobernamental como Cuatro, que presentan a situación dunha maneira case peor que, por exemplo, Antena 3), se desaceleración (en palabras iniciais do goberno e o seu Presidente), se “axuste duro, doloroso e prolongado” como di o Banco de España… Parece incríbel que se perda tanto tempo nunha cuestión case filolóxica, de palabras, de verbas, de a ver quen da máis e tenta ser máis sincero. E no entanto poucas solucións.

Solucións. É curioso. Qué doado é reivindicar o mercado libre cando todo vai ben, cando o crecemento económico permítelle sacar peito á clase política e manter contentos aos accionistas das grandes empresas a base de dividendos e crecementos dos beneficios a taxas de dous díxitos. Pero cando o ciclo económico muda (non esquezamos, un comportamento rutineiro e habitual na dinámica ordinaria do sistema capitalista), cando as cousas veñen mal dadas, rápido se mira para o goberno, rápido se procura a actuación política e o “sálvase quen poda”. Puro cinismo. Como escribiu Manuel Rivas nun texto recollido no seu moi recomendábel libro Muller no baño: “(…) o cinismo, sen dúbida, a grande ideoloxía do noso tempo”. Este é o sistema no que vivimos.

Cedo esquecen algúns que vivimos inmersos no chamado proceso de “globalización” (en terminoloxía anglosaxona, “mondialisation” no ámbito francófono), a actual fase do sistema capitalista, caracterizado, fundamentalmente, e para resumir nunha palabra, pola interdependencia. O esfarelamento das fronteiras económicas trouxo consigo a necesidade forzada de abandonar a visión unilateral no manobrar da política económica. Agora o que fan os nosos vecinos si nos debe importar, e se vemos lume no quinto piso do noso edificio non debemos pensar que a nós non nos vai afectar polo simple feito de vivirmos no primeiro. E claro, cando na toma de decisións na nosa vida individual xa non só dependemos de nós mesmos, senón que tamén temos que ter en conta o que fai a xente que nos arrodea, pois a cousa complícase, e non queda outra que atender á redución da nosa marxe de manobra. Se trocamos a palabras “nós” pola palabra “goberno”, quizais podamos entender un pouco mellor qué carallo está a pasar hoxe no mundo. Na economía máis contemporánea, a que nos tocou vivir (e nalgúns casos sufrir), si se cumpre o dito de que “se Estados Unidos estornuda, Europa constípase”. Éche ben certo, agora si que é ben certo, e se non que nolo digan co asunto das hipotecas subprime.

Escoitaba nun telexornal onte que ningunha institución, nin publica nin privada, agardaba un estancamento tan rápido da economía española, un deterioro tan veloz e agresivo, un parón tan relativamente forte na actividade económica xeral. Falo en xeral, porque logo cadaquén conta a feira como lle vai nela, e supoño que nos períodos de dificultades económicas haberá xente á que tamén lle vaia ben, de seguro. Malia todo, non sei vós, pero eu na xente da rúa non percibo sinais dunha alarma tan tan grande como debera haber se un repara devagar nos datos macroeconómicos que cada día saen á luz. Hai, iso si, unha conciencia de que a galiña dos ovos de ouro que foi até hai ben pouco a compraventa de pisos parou de vez, o negocio morreu de éxito, e agora terémonos que acostumar cada vez máis a escoitar palabras como “paro”, “descenso do consumo”, “caída do prezo da vivenda”, “inflación”. Palabras que non hai demasiado tempo se escoitaban acotío pero empregadas ao revés, para falar de “redución do desemprego”, “aumento do prezo da vivenda”, “superávit”, etc.

Creo sinceramente que non haberá verdadeira conciencia de crise até que ésta pete na nosa porta ou na dos nosos achegados, amigos, vecinos ou familiares. Lémbrame un pouco ao que pasaba na guerra de Vietnam e o que ocorre no actual Irak. No primeiro caso o rexeitamento á guerra acadou unha fortaleza tan grande que os Estados Unidos víronse na obriga de faceren o impensábel para eles cando decidiron a intervención armada en terra asiática: retirarse, desistir da guerra, ante a presión tan forte á que se viu sometido ao goberno USA do momento. Tal era a fortaleza dunha opinión pública que vía cómo os fillos da clase media yankee eran recrutados para iren loitar a unha guerra que acadou unhas proporcións tan descomunais e absurdas, onde miles de mozos morreron ou ficaron gravemente feridos. En troques, no caso de Irak o movemento de resistencia pacifista non acadou nos inicios da invasión á dimensión da loita pola retirada das terras vietnamitas. E todo porque quen arestora morre en Irak son en moitos casos inmigrantes ou fillos de inmigrantes hispanos, ou xente de cor negra. Colectivos que pouco importan ao norteamericano medio, mentres non afecte ao seu fillo WASP. Reparade cando saia algún militar de alto rango do exército dos Estados Unidos nos medios de comunicación: é sorprendente a cantidade de apelidos hispanos que se poden ler e escoitar. E namentres o conflito non afecte directamente aos fillos da clase media norteamericana, seguramente non escoitaremos unha opinión pública en bloque pedindo a saída de Irak do mesmo xeito que os seus pais pediron teimosamente a fin da barbarie en Vietnam.

E vos preguntaredes qué ten que ver isto de Vietnam ou Irak coa crise en España. Pois que polo de agora os grandes perdedores do deterioro económico están sendo os pagadores de hipotecas e os inmigrantes, que empregados en moitos casos na construción ou sectores clientes dela, comezaron hai uns meses a perder o seu traballo por mor do parón do sector. Creo que mentres afecte ao sector “invisíbel” da sociedade, ó da poboación inmigrante (a pesar de que cada vez son máis), ao que moito español non presta a máis mínima atención, non teremos realmente conciencia dos importantes problemas dos que adoece a economía española. Só será cando afecte directamente á nosa clase media (vía perda do emprego, conxelación salarial, etc.) cando nos decatemos realmente das eivas e feblezas da nosa base económica. Como ocorría na USA do tempo da guerra de Vietnam. Mais será nese intre cando de verdade podamos facer unha análise seria, se se quere descarnada, do que fixemos mal neste tempo, de quen o fixo mal, de quen puido facer máis, de quen se aproveitou, etc. E ollo, que é moi doado botar á culpa aos gobernos e non asumir as propias responsabilidades. Así non se avanza. Así non.

jueves, 3 de abril de 2008

NAO: potencia e letra

Hoxe á festa de patrón na Facultade de Económicas (e tamén na de Socioloxía) da Coruña. O certo é que a festa, polo menos en Socioloxía (expertos no tema), leva todo o día en funcionamiento, mais o prato forte, polo menos para min, será agora pola noite, cando comece a música e a bebida (pouca, que mañá teño clase pola mañá, e traballo pola tarde) vaia baixando polo corpo.

Teño bastante curiosidade pola música de hoxe. Escoitei nalgures (porque nos carteis anunciando a festa non pon nada) que hoxe van tocar por aquí Nao e o Som do Galpom. Gústanme ambos grupos. Hoxe vou salientar a Nao, sen dúbida un dos mellores grupos no panorama actual de Galicia. A súa música pódese cualificar de rock duro, aínda que mesturando outros estilos (metal, etc.). Mais malia a "dureza" do son da súa música, unha cousa salienta, sobrancea: a calidade e fermosura das súas letras, coidadas, traballadas e, por suposto, en galego. Non digo que sexa raro nos grupos de rock duro construír letras ben feitas, mais neste caso sorpréndeme, porque Nao é un grupo de xente nova, moza, que amosan unha gran experiencia no directa, e que acompañan o seu son potente con letras cheas de poesía, abondo fermosas en moitas casos, rebosantes de compromiso social, de ganas de loita, de non ter medo no combate, de ganas de enerxía, e ese trazo dálles un toque diferente, unha forma de entender o rock e a música de potencia que moito ben lle fai á normalización da música en galego.

Teño moitas ganas de velos ao vivo por segunda vez. A primeira foi hai uns meses na sala Mardi Gras. Non os coñecía, e saín moi satisfeito polo que vin. Desde ese día teño o seu disco "As palabras espidas" entre os meus favoritos e os máis escoitados. Como nos carteis da festa non vin o seu nome non as teño todas comigo.

Grupo moi recomendábel. Escoitádeo, please.

viernes, 21 de marzo de 2008

Un concerto de fado: música tamén para Galicia

Foi o pasado venres 14. Non tiña moito que facer pola tarde, e logo da voráxine imparábel dos exames destes dous últimos meses, agora que por fin podía descansar, non sabía moi ben qué facer. Non me apetecía facer nada en concreto, pero si facer algo, e como estaba só na casa e non tiña dispoñibilidade para chamar a algún amigo/a, dado que non tiña planeado nada, collín o xornal e botei un ollo na parte de programación cultural para ese día. E alí o vin. Ese venres remataba un ciclo que tiña moi boa pinta de concertos de fado (ou que polo menos tiñan como nó condutor o fado) no Teatro Colón, e pareceume unha opción ben interesante para pasar un bo rato escoitando un pouco de música dun estilo co que non estou nada familiarizado, pero que me chama profundamente a atención. Esa música tradicionalmente tristeira, nostálxica e melancólica a ballón, con letras que en moitos casos falan da soidade, do sentimento da tristura polo desamor, da distancia dos seres queridos.

O ciclo estaba composto por tres concertos. Os dous anteriores tiveran lugar a semana pasada, xoves e venres, mais como estiven doente foime imposíbel ir. O terceiro non o perdería. Curioso o que ocorreu co fado, hoxe símbolo case (ou sen o case) de identidade nacional de Portugal, como un estilo musical ou xénero, non sei cómo chamalo, que identifica este país perante o mundo. Curioso o do fado, un estilo que, según lin nalgures, comezou como unha música arrabaldeira, periférica no senso de non estar inserta no centro da música canónica en Portugal (canónica entendida no senso de “canon”, de música de referencia), unha música asociada ás clases baixas, populares, da sociedade portuguesa, que en moitos casos a empregaban como vía como reflectir as durezas e infortunios da súa vida, ou os seus sentimentos máis profundamente humanos. Pero pouco a pouco, grazas á laboura de xente como Amalia Rodrigues, este estilo foi gañando en recoñecemento social, cultural e musical, e hoxe xa un elemento indisolúbel da "alma cultural portuguesa", unha música culta escoitada por todas as clases sociais, traballada por grandes da canción do país irmán portugués, e que ten unha respetábel audiencia entre as chamadas “músicas do mundo” (esa etiqueta do world music onde cabe case que todo).

Ese venres o concerto era a cargo de Paulo de Carvalho. Soábame moito ese nome, mais non recordaba ter escoitado – polo menos conscientemente – nada de seu. Porén, este home ten a etiqueta de ser un dos compositores (ten feito cancións para moita xente, por exemplo, Dulce Pontes) e cantantes máis sonados de Portugal, e sobre el pesa unha anécdota que o fixo pasar, como el mesmo recoñece, involuntariamente á historia recente de Portugal: súa era a canción que soou na radio o 24 de abril de 1974 como sinal para que os militares demócratas saísen dos cuarteis e comezase a “Revolución dos Caraveis” o día seguinte. Esa canción era a preciosa “E depois do adeus”. O que non lembro é se a versión que se escoitoou pola radio era a cantada por el mesmo ou a interpretada creo que por Joao Afonso. Paréceme que é a segunda opción. Tanto ten.

O certo é que foi un concerto moi bonito, minimalista, íntimo, con só tres instrumentos, os tres instrumentos básicos para o fado, como o cantante lembrou para todos no comezo da actuación: piano, guitarra portuguesa e voz. Unha economía de medios que non lle restou fermosura á música, grazas á voz potente e sensíbel que Paulo de Carvalho atesoura, e ao bo traballo dos músicos que o acompañaban. O que distingue a Paulo de Carvalho é que el non é, propiamente, fadista, é “músico”, cunha traxectoria profesional duns corenta anos, que comezou no pop nos anos 60, e que gusta moito do fado, o que o levou a comezar a traballar nesa música, en parte como medio de dignificación do xénero. E todo isto nótase no seu xeito de entender o fado, dende a mistura, case a fusión. Por iso el, partindo case sempre de melodías ou, sobre todo, de letras de fado (nalgúns casos tradicionais digamos), constrúe fados misturando outros ritmos e músicas alleas á tradición máis clásica do fado, atrevéndose cunha mestizaxe que dá lugar a fados con ritmo latino, ou baladas que non soan a fado tradicional. E non o foi mal, aínda que, claro, para os non iniciados nese estilo musical, como é o meu caso, pode estrañar un pouco ir ver e escoitar un concerto de fado, agardando un fado máis puro, máis tradicional na música, e atoparse con que nalgúns treitos do concerto non pareza realmente fado o que se está a escoitar. Ou polo menos a min non mo parecía.

O máis emocionante eran sen dúbida os intres nos que o cantor se puña a interpretar algunha peza coa única axuda da súa voz, sen acompañamento instrumental. Unha voz potente, tenra e sensíbel mais chea de forza. A mágoa era que, pola propia acústica e a propia fonética un tanto pechada (para o meu gusto) do idioma portugués, as letras das cancións non se escoitaban moi ben, e non puiden entender ben todo o que cantaba, e foi unha mágoa, porque as letras eran en xeral bastante bonitas, en moitas casos poemas musicados que soaban bastante ben malia todo. A miña sorpresa chegou cando o home se puxo a cantar “a capela” un poema de Rosalía de Castro (dixo que o ten habitualmente no seu repertorio, que non foi que o aprendera para a actuación en Galicia), duro, magoante, precioso, sobre a temática da emigración, sobre a ausencia, a soidade dos familiares dos emigrados, sobre a soidade das “viúvas dos vivos” que marchan cara lonxe, sobre cómo esta terra viu marchar a milleiros de persoas, sobre cómo esta terra se desangrou en poboación durante anos e anos, sobre cómo esta terra sufriu as feridas do atraso, da falta de oportunidades, do subdesenvolvemento, da marxinación, do esquezo (como soa todo isto, por exemplo, a África) dun Estado español que moi pouco ollou para aquí, porque lle debía doer o pescozo se o xiraba para lembrarse algo desta terra que tanto viviu no desamparo.
Lembroume a necesidade do nacionalismo nesta terra, pero non me refiro ao nacionalismo como o entendemos hoxendía, en termos de BNG e Quintana e todo isto. Non. Lembroume o nacionalismo do primeiro terzo do século XX, tronzado, crebado polo levantamento fascista e guerra. Dese nacionalismo limpo, bonito, aberto, que comezou a mirar pola terra, que loitou pola dignificación do idioma e na nosa cultura, para tencionar facela universal, unha cultura máis de todas as que poboan a terra; que loitou por un xeito de entender Galicia e de tentar procurar solución aos problemas desta terra desde a propia terra - entendendo as nosas diferenzas e enriquecéndoas coas particularidades dos demais -, eses problemas para os que o aparato político-administrativo do Estado español nunca tiña tempo. Ese nacionalismo polo que moita xente pagou co exilio (Castelao, Luis Seoane), a morte (o caso de Alexandre Bóveda é o máis mítico), o silencio, o esquecemento (Otero Pedrayo perdeu a súa cátedra na Universidade de Santiago, aínda que pasado o tempo a recuperaría). Ese nacionalismo sen o cal non entenderíamos hoxe a nosa autonomía nin moitas cousas das que somos, con independencia de partidos políticos e de ideas (hai dous anos escoiteille a un voceiro do PP citar no Parlamento galego unhas verbas de Castelao tiradas do Sempre en Galiza!!).
E é que o fado tamén parece unha música feita para nós, para os galegos, unha música con alma tristeira, nostálxica e melancólica, coa que poderiamos chorar por todo o esquezo, soidade e desgraza que viviu a xente deste país, pero non, temos que ollar cara diante. Temos que crer nas nosas posibilidades, temos que querer a nosa cultura.

Bo concerto o de Paulo de Carvalho en definitiva. A raíz del comecei a escoitar máis cousas deste home, mais son todas cancións en estudo, e gustáronme máis as versións en concerto. Iso quere dicir algo.

Todos calan




Observo con preocupación o que está a ocorrer no Tibet. Hei dicir na miña contra que non estiven moi ao tanto das noticias estes días, co cal non podo opinar moito do tema, mais inda así é de vergoña a brutal represión que está a exercer o goberno “comunista” da China. Ocupación militar, cargas policiais perante as protestas, censura, violencia, violación continuada e sistemática das libertades e dereitos humanos fundamentais na China. Ditadura. Isto é o pan de cada día de millóns e millóns de persoas.

Observo con preocupación e profunda vergoña a hipocresía de Occidente, dos Estados Unidos, da Unión Europea. Somos supostamente o mundo libre, os adaíles da liberdade e os dereitos humanos, que temos como piares fundamentais das nosas sociedades. Mais esta defensa dos dereitos humanos polos nosos gobernantes remata cando comeza o negocio, o comercio, o petróleo. Ruxe a dereita deste país se Zapatero recibe a Hugo Chávez (hoxe non toca comentario sobre este homiño), mais non escoito bradar aos seus altofalantes mediáticos cando o Rey viaxa a Arabia Saudí a visitar ao seu amigo rei deste país (porque son realmente amigos) e a toda a familia do monarca saudí, do monarca dunha cruel ditadura onde non se respetan os dereitos humanos, onde as máis mínimas liberdades das que nos gozamos son sistemáticamente negadas, onde millóns de persoas viven na pobreza mentres o seu rei pasa o verán en Marbella dilapidando 6 millóns de euros diarios en gastos suntuarios e para pasalo ben, onde existe a lapidación e se financiou mediante escuras redes (e seguro que algo persiste) o terrorismo extremista que se abeira no Islam para cometer os seus crimes. É clara o denuncia no Farenhei 9/11 de Michael Moore. Mais como estamos ante o primeiro produtor mundial de petróleo todos calan, como estamos ante o Estado coas maiores reservas mundiais de ouro negro no seu territorio todos calan, como estamos ante un piar moi importante para o funcionamiento da economía mundial todos calan.

Deuse a “casualidade” de que 15 dos 19 terroristas do 11-S eran de nacionalidade saudí. Non quero imaxinar o que tería ocorrido se foran iraquís. O 12 de setembro de 2001 xa estarían os avión yanquis bombardeando Bagdad. O dobre raseiro, a diferente vara de medir, a hipocrisía é absoluta, pois realmente ¿que diferenza existía entre Irak e Arabia Saudí no seu tratamento dos dereitos humanos e no carácter ditatorial do seu rexime? Pois ningunha gran diferenza de fondo, e si unha diferenza que se antolla clave para comprender toda esta historia: Arabia Sausita ten un rexime colaboracionista cos Estados Unidos, e Irak non o tiña.

Falabamos de China. Escoito no telexornal unha tímida reacción da UE e dos Estados Unidos perante o que está a pasar no Tibet. Mais sempre coa boca pequena, non vaia ser que se anoxe o dragón chinés e peche as súas fronteiras os produtos estadounidenses e europeos. E claro, un mercado de 1.300 millóns de persoas é moito mercado, e non se pode desaproveitar, e hai que ter contento ao gobernó chinés. E aínda que só 200 millóns tiveran realmente capacidade de compra (a China é un país cheo de desigualdades rexionais, nós pensamos que todo é Pekín e Shanghai, e as cousas non son así, pois as rexións campesiñas do interior chinés son tremendamente pobres e subdesenvolvidas), seguiría a ser un mercado moi grande que non se pode pasar por alto. E entón xa nos esquecemos da ocupación militar, das cargas policiais perante as protestas, da censura, da violencia, da ditadura da violación continuada e sistemática das libertades e dereitos humanos fundamentais na China. E o mesmo ocorre cos Xogos Olímpicos. Ninguén vai dicir. Ocupación militar no Tibet, cargas policiais perante as protestas, censura, violencia, violación continuada e sistemática das libertades e dereitos humanos fundamentais na China. E todos calan. Calan.

viernes, 22 de febrero de 2008

Economía española: Vivenda, endebedamento familiar, demagoxia e hipocrisía (1ª parte)

Debullo cun pouco de acougo o que vin onte no debate entre Solbes e Pizarro. Malia o que considera Miguel (e para el todo o meu afecto), non vexo, polo menos polo de agora, a Manuel Pizarro de Ministro de Economía. Unha cousa é a súa experiencia na empresa privada, chea de éxitos (presidir a CECA non é cousa pequeña), e outra manexar as políticas económicas ou tratar coas grandes cifras das contas do Estado. Vin un Pizarro con forza, con vivacidade (quizais afeito ao dinamismo que esixe a empresa privada, se se quere ver así), e un Solbes no seu estilo, máis acougado, pero que, malia o optimismo quizais altivo de máis para o tempo económico que nos atopamos (o mesmo que amosaba en tempos o PP), creo que reaccionou ben perante os ataques de Pizarro (que pensei que ían ser maiores, sorprendeume), e niso pesou dende logo a súa experiencia ao frente da economía pública en todos estes anos, aínda que o feito de utilizar en varias ocasións a palabra gap para referirse as brechas creo que daba unha idea máis de técnico (que non requiría un debate ante o cidadán medio) en Solbes, e quizais nalgunhas cousas, tirando de demagoxia, a Pizarro se lle entendeu mellor nalgún tema.

Malia todo, algunhas das cousas das que ían falar xa eran coñecidas, e o máis coñecido é a semellanza (ás veces esaxerada) entre as propostas económicas de ambos os dous partidos, que chega ás veces a tan nivel de absurdo en que os dous plantexan as mesmos obxectivos, só que onde un di 1000 o outro di 1100.

Falaba Pizarro da crise do modelo actual, basado no consumo e no ladrillo (en galego ladrillo diríase, se non me trabuco, tixolo, pero non vou utilizar este termo, que me desculpen os filólogos se hai algún no sala, XD). É curioso: isto mesmo é o que lle criticaba o PSOE ao PP no 2004. E agora iso mesmo é o que lle critica o PP ao PSOE catro anos despois. Aí se ve, dúas pingas de auga, moitas veces, dúas caras da mesma moeda en materia económica. A verdade é que cando leo ou escoito falar, por poñer un exemplo de producto de consumo (en xeral, on me refiro aos que os usan para traballar) aos fabricantes de coches queixarse pola caída das ventas (non moi acusada), ou, xa non digo, ás empresas promotoras e/ou construtoras falar da caída da demanda de vivenda, poñénseme os pelos de punta e non podo evitar alucinar coa demagoxia. ¿Acaso alguén medianamente sensato pensaba que se ía manter indefinidamente o ritmo de construción e demanda actuais, con 700.000, 800.000 vivendas iniciadas na súa construción cada ano? E o mesmo para os que fan coches (ou outros produtos de consumo). ¿E non sería que, ao mellor, neste tempo vivimos en certos temas algo por riba das nosas posibilidades? Non hai máis que ver o crecemento do parque automobilístico experimentado nestes anos. Sendo un pouco serios, como dicía onte Solbes moitas veces, non hai que esquecer que un dos principais impulsos á compra de vivenda ao longo desta última década ten sido a instrumentación dunha política monetaria expansiva por parte do BCE nestes ano, cuns tipos de interés oficiais (ou de intervención, como se lle queira chamar) en niveis podemos dicir que nunca vistos (2%) na economía española (non esquezamos a inflación de dous díxitos durante a Transición política), o que impulsou o endebedamento por parte das familias. Todo o mundo quería comprar:

  • Xente que non tiña vivenda en propiedade, porque cuns tipos tan baixos, ¿quen non se ía endebedar? Perder unha oportunidade así sería imperdoábel.
  • Xente que xa tiña vivenda, pero que ante as expectativas de subida de prezos (prezos que crecían un 12%, 15%, 17% cada ano con respecto ao anterior), decidía comprar pisos con motivo de inversión, ou por demanda puramente especulativa (pois era diñeiro fácil).
  • Xente que non estaba nesta situación, pero que mercaba porque o veciño mercaba e non podía ficar atrás, je,je (isto último xa é de brincadeira).

Total, que os esaxerados prezos da vivenda libre levaban a pedir préstamos insufríbeis nas súas enormes cantidades, a maioría a tipo variábel (polo tanto, vinculados ás decisións de política monetaria do BCE, lembremos, unha institución que “goberna” para toda a Unión Monetaria, polo que unha medida que tome pode ser boa para uns países e mala para outros). O resultado son os 900.000 millóns de euros que actualmente seica deben en conxunto as familias. E vai o tipo Pizarro e vincula o endebedamento ao goberno, e queda tan ancho. Xa non lembra que foi na época última de Rato cando institucións como o Banco de España ou a Comisión Europea xa alertaban do sobreendebedamento dos fogares españois. Mais daquela, co PP, isto non era malo, isto non preocupaba, era cousa do mercado e non lle había que facer. E agora quéixanse do problema. E vai Pizarro e fachendea de que na Comunidade de Madrid se teñen feito máis vivendas protexidas que en Cataluña ou Andalucía, mais os feitos reflicten que fomentar o acceso a vivenda a través da promoción pública (si, pública, que me lean e oian todos os ultraliberais, dixen pública, a palabra maldita, seguro que se me cae o pelo, ou a lingua se me volve azul ou vou o inferno ou algo así por escribir “Pública”, un pouco máis, pública, pública, pública) de vivenda protexida non foi preocupación nunca para o goberno do PP no Estado en ningunha das súas lexislaturas.


O problema coa construción é que mentres todo foi tirando como até agora, ninguén se queixaba nin preocupaba. Os cidadáns, que tiñan traballo, mercaban e hipotecábanse toda a súa puta vida como activos laborais, ou algúns mercaban outro vivenda e a ninguén lle interesaba que a súa baixase de prezo; o sector inmobiliario gañaba cartos a mans cheas, a mans cheas, a mans cheas, e as Comunidades Autónomas e Concellos tamén gañaban a través dos ingresos tributarios xerados directamente pola construción. O goberno do Estado tamén calaba, porque a construción aportaba moito crecemento no PIB e así poderían fachendear logo de ésitos económicos, aínda que en realidad estiveran logrados sobre alicerces máis febles dos que se aparentaba. Todo o mundo calou. Nin PP nin PSOE fixeron nada realmente de envergadura para correxilo (o PSOE meteu un pouco de nada a man no tema, pero sen mollarse nunca e sen vontade política real de mudar as cousas). E agora parece que a todo mundo se lle caeu a venda dos ollos, e que estamos nunha crise terminal polo axuste no sector inmobiliario, motivado pola suba dos tipos de interés (elemento que algún tiña que supoñer que podía ocorrer en algún momento) e unha demanda que non ía resistir de por vida o ritmo que levaba, e que se deteriorou pola incertidume ante a situación económica (e financeira) xeral.

E todo isto se agrava por unha cousa. O pasado domingo lía en La Voz de Galicia un artigo dun profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago, Manuel Vilas Nogueira. Nel Vilas Nogueira afirmaba que, con razón, La economía española debe buena parte de sus brillantes resultados macroeconómicos a la construcción. Desde el año 2000 nuestro PIB ha crecido a una tasa media del 3% y se han creado cinco millones de nuevos puestos de trabajo. La aportación de la construcción ha sido fundamental: la tercera parte del crecimiento del PIB y casi dos millones de los nuevos empleos son productos, directo o indirecto, del auge inmobiliario”. Como vemos, unha análise aterradora, que dá unha idea da magnitude do sector inmobiliario/construtor para a economía española (segundo datos ofrecidos esta semana por Cinco Días, no 2005 representaba, entre construción de vivenda nova e aluguer, o 16,8% del PIB a prezos correntes e xerou o 15,1% do emprego asalariado). Por tanto, se o sector inmobiliario se atopa nunha situación de axuste, que, teimo na idea, tardo ou cedo ía chegar (carácter cíclico da evolución da economía), axuste entre unha oferta e demanda que non eran sostibles no longo prazo, este axuste tarde ou cedo ía chegar estivese PP no goberno ou o PSOE ou o partido do cannabis. E se paro na construción aumenta, evidentemente isto vai repercutir nas cifras de aumento do paro total que se deron estes días (pola gran repercusión que a construcón ten na xeración de emprego neste país). E se os tipos de interés aumentan, claro que se ía resentir a demanda de vivenda, e que ía dimimunir, e que isto produciría desaceleración, crise ou chámalle como queiras (tendo en conta o peso moi relevante que, sosteño, o baixo custe da financiación tivo estes anos na decisión de moitas persoas de mercar unha vivenda). A clave estaba en anticiparse a iso, pero aí estaba o problema. O ciclo político non entende máis que de catro anos, e a corrección da gran dependencia con respecto á construción e ao consumo como pilares fundamentais para o crecemento económico español, de seguro que require máis de catro anos, mais, ¿que partido política se ía mollar no tema? O que importaba era ir tirando como se puidera, e xa viría logo outro a darlle a cabeciña.

En definitiva, demagoxia barata de Pizarro ao referirse á situación do endebedamento familiar, para o cal non aportou ningunha solución, aínda que para este home o único problema está na propia existencia do Ministerio de Vivenda, que propuxo eliminar, e vese que así xa se soluciona todo. O mesmo, demagoxia no tratamento do tema da vivenda. Pasividade e moita hipocrisían o PSOE, porque cando estaban na oposición dicían exactamente o mesmo que agora di o PP (endebedamento, suba de prezos da vivenda, etc.) Agora seica o PP vai actuar na materia, si, si. Lendo hoxe El Economista aparecía que “Los populares se comprometen en su programa a desarrollar los programas denominados Hipoteca joven e Hipoteca familiar, que permitirán a los jóvenes menores de 35 años y a las familias numerosas acceder a préstamos a interés preferencte y por el cien por cien del precio de la vivienda, a lo que se sumará un aval complementario de la Administración”. A dúbida que me asalta é, ¿Por qué non o propuxeron nos 8 anos que estiveron no poder? A outra dúbida é ¿agora resulta que é necesaria a intervención pública de trascendencia no ámbito da vivenda, e antes só era preciso dar unhas axudas e tira millas? ¿Onde quedou o mercado señor Pizarro? ¿E non será que ao mercado só o deixamos ceibe cando gañan cartos as grandes empresas? Moitas casualidades, mira ti. Agardo as vosas respostas. Por hoxe creo que xa vos aburrín bastante, outro día máis.

sábado, 3 de noviembre de 2007

¿A fin da infamia?

A verdade é que non acostumo a mercar dous xornais distintos nun mesmo día. Aínda que sería o recomendábel para poder comparar puntos de vista (para eso mesmo sería mellor mercar máis de dous), non teño demasiado tempo para ler con calma a prensa, e menos para ler dous xornais. Pero o xoves a ocasión o merecía: sentenza no proceso xudicial sobre o 11-M. Sentenza que confirmou o agardado: os autores do atentado foron membros dun salvaxe comando de fanáticos que viron no terrorismo a mellor forma de destrozar a vida de persoas que non pensaban nin vivían coma elas.

O certo é quedei con ganas de ler El Mundo, ou tan só de botarlle unha ollada á portada para ver o que se atrevía a poñer. Mais cando hai pouco tempo é mellor non perder o pouco que hai. Ler El Mundo é unha das formas máis feas de perder o tempo hoxendía, case prefiro ver Aquí hai tomate ou semellante lixo.

Leo con avidez as páxinas que La Voz de Galicia e El País dedican á información relacionada coa sentenza do 11-M. Por favor, se non o lestes, lede o editorial d’El País sobre a noticia. Marabilloso, claro, titulado “El fin de la infamia”, porque para iso creo que serviu de moito a sentenza, para poñer polo menos un punto e aparte en todo o proceso de infamia e mentira vergoñenta que leva rodeado á información sobre os atentados de Madrid ao longo destes tres anos e pico.

Creo que a sentenza que pon no seu lugar a cadaquén. Por exemplo, da policía louva a súa eficacia, e tamén, por que non, a súa honestidade, dúas cualidades, xustiza e honestidade das que certas persoas levan dubidado de xeito tan interesado ao longo deste tempo, certas persoas que só desde a falta de escrúpulos, a indecencia, o resentimento e a desvergoña máis horrorosa puideron dicir cousas que as que desde o guión da chamada “teoría da conspiración” (guión verdadeiramente imaxinativo onde os haxa) se dixeron neste tempo. A tanto chegou o absurdo desas teorías que leo escandalizado que unha das teses defendidas por difusores desa teoría era (e supoño que seguirá sendo) que os sete terroristas que participaron no atentado e logo voaron polos aires no piso de Leganés, en verdade non eran membros do comando que cometeu os atentados! Segundo a teoría da conspiración, o suicidio no piso de Leganés foi unha montaxe da policía, que colocou no piso os cadáveres conxelados dunhas persoas, co obxectivo de botarlle a culpa ao terrorismo islamista e tapar os verdadeiros autores do atentado, que serían, como non, membros de ETA. Paréceme tan delirante, rocambolesco e incríbel que durante as sesións do vista oral do xuízo alguén puidera defender semellante patraña, mais o que me parece máis delirante é que haxa persoas que estean convencidas de que isto é verdade. Incríbel. De vergoña. O mesmo que o feito por un dos avogados da politizada e manipulada –qué mágoa por tantas vítimas que se deben sentir utilizadas- AVT (Asociación de Víctimas del Terrorismo), que chegou a pedir a absolución para Jamal Zougam, condenado como un dos autores dos atentados.

Non digo que a verdade “xudicial" sexa a única posible, nin que os xuíces teñan sempre a razón, pois sempre hai marxe de erro (se non que llo digan a Dolores Vázquez no caso de Rocío Wanninkof), pero é que me parece tan absurdo que a chamada teoría da conspiración puidera ter tanta cancha dos medios, que endexamais puiden crer a tanto podía chegar a “infamia sensacionalista”, como lle chama El País no seu editorial, a falta de escrúpulos (amparado nun exercicio espúreo do dereito á información, que non inclúe o dereito á mentira) á que chegaron medios como a COPE, radio verdadeiramenter verdulera e manipuladora onde as haxa, ou o xornal El Mundo, cuxo director e colaboradores deberían ficar marcados para sempre pola vergoña de todo o dano que levan feito ás institucións do Estado español. Eses medios que ao longo de máis de tres anos levan descalificado, mentido, tentado manipular os feitos, enganar á opinión pública (e abofé que conseguiron cun gran número de persoas), defendendo a paranoica existencia de conspiracións case xudeo-masónico-comunistas das que só vía Franco e os seus fascistas, conspiracións entre a policía, a garda civil, os xuíces, os altos cargos do Ministerio do Interior, todos compinchados e artellados para levar ao poder ao Partido Socialista, para “roubarlles” o seu poder á dereita non sei con qué fins.

É incríbel cómo dirixentes moi importantes do Partido Popular puideron estar avalando as teses promovidas por eses medios de comunicación e pola súa grea de contertulios mentireiros e manipuladores, porque aínda que é certo que no PP non chegaron, polo menos públicamente, a defender con tanta forza teorías como as que se defenderon na COPE e El Mundo, sí lle deron cancha e difusión no Parlamento, sí lle deron difusión, dende un intento de desestabilizar a un goberno ao que non recoñecían nin recoñecen, porque moitos non dixeriron aínda agora a súa derrota nas eleccións. De auténtica vergoña o do PP: cómo pode chegar a tanto a infamia de alguén para conseguir resultados electorais favorábeis, cómo un partido que quere ser de Goberno pode caer tan baixo, cómo Zaplana segue saíndo tan sorrinte na TV e non fica marcado para sempre, condenado a ir coa cabeza baixa o resto da súa vida política por tantas barbaridades que leva dito todo este tempo. É o mesmo Acebes, e tantos outros. E aínda por riba teñen a caradura de dicir que foi o Goberno do PP o que detivo os terroristas do 11-M, porque tal foi o que dixo Zaplana ao día siguiente de coñecerse a sentenza, véndose atrapados polo contido dunha sentenza que os deixaba polo chan. E todo sabendo que o Goberno non é quen detén, senón a policía, que para iso é o seu traballo. E van e fachendean de que a policía fixera ben o seu traballo. É de tanta mediocridade e pobreza intelectual que non podo crer que esa xente volva ter posibilidade de gañar as vindeiras eleccións xerais (por culpa duns erros dun PSOE que leva cometido o erro de xogar ao xogo do PP, con tan malos resultados).

Intelectual. Esa é a derradeira regandixa que lles queda: que a sentenza non conseguira aclarar quen foi ou foron os chamados “autores intelectuais” do atentado, os que planearon o atentado. E por mor dese resquicio creo que seguiremos tendo 11-M nos medios por un tempiño, porque Rajoy xa se apresurou a dicir que apoiará outras investigacións, mais ¿que investigacións? ¿investigacións tan “rigorosas” como as que fixo El Mundo (das que se atrevían a fachendear estes días con motivo do seu aniversario)? ¿quere dicir Rajoy que isto non acabou, que a farsa vai continuar polo menos até que pasen as eleccións xerais, porque así poderá continuar tirando resultados electorais do asunto? ¿a tanto vai chegar a súa baixeza, a súa mediocridade, a falta de escrúpulos dun home que se di moderado e quere ser presidente do goberno? Porque é ben certo que Rajoy está bastante atrapado entre os duros do seu partido e as burradas da COPE, pero ¿cómo quere chegar a presidente do goberno alguén que non é quen de desmarcarse das burradas de Jiménez Losantos e compañía?

Autor intelectual. Vai ser a derradeira carta dos mentireiros, a derradeira baza que lles queda logo da paliza moral que lles deu a sentenza do tribunal. Será ao que se agarren, porque o Egipcio saíu absolto dos cargos de inductor do atentado. Hai que lembrar que o proceso penal é un proceso eminentemente garantista, no que só se pode condenar a alguén por uns feitos realmente probados, e basado no principio in dubio pro reo, isto é, no caso de dúbida, aplicarase a norma en beneficio do reo. Pode parecer incríbel que un ser francamente indesexábel e fanático como todo semella que é este, o Egipcio, non fora condenado como inductor do atentado, pero a verdade é que, coa cabeza un pouco fría, a única proba existente contra el para condénalo como inductor é unha conversación telefónica no que se atribúe o atentado como obra de enxenería de seu, e a xuízo do tribunal isto non é proba de cargo o suficientemente forte e contundente para condenalo, e de aí a súa absolución. Se non fora condenado en Italia por pertenza a grupo terrorista, tería sido condenado por iso en España, cunha pena que de seguro chegaría aos 15 anos de prisión, pero como xa foi condenado por este delito en Italia (a 10 anos de prisión, logo rebaixados a 8) e non se pode condenar a unha persoa dúas veces polo mesmo feito, pois o tipo foise de rositas. Pero isto demostra que, como aclarou o presidente do tribunal o día de empezar a fase de xuízo oral, era o tempo do dereito, de que falase o dereito, non o tempo da vinganza nin do apaixonamento, senón o tempo da análise fría e das probas. Porque niso a xustiza española, tantas veces criticada, con tanta razón, pola súa lentitude, foi neste caso un exemplo de eficacia, de rapidez (hai que ter en conta que moitos procesos penais por delitos moito menores alónganse até os cinco anos ou máis de duración con moita facilidade), nun caso complexo, que resolveu con todas as garantías dun xuízo xusto (non podería ter sido doutro xeito), e que diferencia a España do xeito de facer estadounidense, que converteu a detención ilegal, o centro de detención de Guantánamo e o atropelo dos dereitos humanos e civís nas súas vergoñentas e arrepiantes bandeiras na loita contra o terrorismo.

Temos que estar por unha vez orgullosos dos órganos xudiciais deste país, como ben soubo ver o xornal inglés The Guardian, pola eficacia das ferramentas das que dispón o Estado de Dereito para loitar contra o terrorismo, e que no caso español marcaron unha clara diferencia cos terroristas: a nosa democracia celebrou un proceso xusto para condenalos pola súa brutalidade fanática que levou por diante tantas vidas de inocentes; eles, en troques, os terroristas, decidiron xulgar sen proceso a 191 persoas inocentes, declarándoas culpábeis e condenadas a morte polo simple feito de vivir nun país occidental (non vou tocar o tema do apoio á guerra de Irak do gobernó Aznar, que daría para outro texto), que por deus sabe qué clase de idea fanática que leva a certas persoas a semellantes masacres. Eles xa teñen a súa lección, e nós tamén a nosa: unha mentira, aínda que se repita mil veces, non é unha verdade.

Leo hoxe en La Voz de Galicia que dous deputados do PP, canda Gallardón, pedíronlle a Rajoy que pase páxina respecto dos feitos do 11-M, que deixe as teorías da conspiración, que tire cara diante. Bravo por eles, esa é a dereita que precisa este país (tamén ben polo ABC, que co 11-M deu unha lección e non se subiu ao carro sen freos de burradas unha tras outra que foi a teoría da conspiración). Esa é a dereita que quere a fin da infamia. Oxalá que así sexa.