
Mira que hai tempo que non poño nada neste o meu pequeno recuncho na Internet. Xa tiña ganas de dar un pouco a lata. Pero esta vez teño unha sorpresa. Cando abrín este blog hai xa unhas cantas semanas a idea inicial é que fora un espazo un pouco íntimo, un pequeno territorio agochado onde poder ceibar algunha reflexións, compartir cos meus coñecidos algún comentario sobre calquera tema. O que non agardaba é poder contar, para ben ou para mal, con tantos comentarios nalgúns dos textos aquí publicados. Estou francamente sorprendido. O único "pero" é o ton dalgúns comentarios, impropios dun debate medianamente serio, que o único que aportan é palabras baleiras e malsoantes. O certo é que até o de agora non actuei de árbitro, non usei as ferramentas das que dispoño para actuar de "moderador" no debate, porque non son ningún censor. Agora ben, as peticións que piden intervención non van desencamiñadas, e aínda que até o de agora non suprimín ningún comentario (os que hai suprimidos non o foron cousa miña, senón que optaron pola opción que agora existe para que a mesma persoa que escribe un comentario poda suprimilo), hai que dicir que non vale todo, e que a liberdade de expresión non respalda nin ampara todo. Xa que logo, de agora en diante intervirei algo na medida do posíbel. Avanzo que non suprimirei nunca ningún comentario de contido ideolóxico distinto ás ideas que poda expresar nos meus textos. Xamais farei iso, porque iso sería acabar co debate e coa tolerancia, mais o que si me reservo é a opción de retirar comentarios con insultos, faltas de respecto, etc.
Falaba antes dos comezos. Xa dende os comezos contei co apoio de varias persoas, para que escribira, para que puxera algunha cousa na Internet. E hoxe quero amosar o meu agradecemento en especial a unha persoa á que aprezo moito (aínda que non llo adoito dicir, non sei por qué, quizais por qué as persoas ás que máis aprezo non lles preciso estar a dicir continuamente que as aprezo) e coa que me une unha verdadeira conexión intelectual, unha coincidencia de pareceres dentro das nosas diferenzas ideolóxicas, porque dende hai tempo el sabe que eu dei en militar na querenza pola terra galega, pola súa cultura, pola escrita no idioma deste país magoado. Bendita diferenza!! Mais esas diferenzas sempre teñen como fronteira irrebasábel a do respecto mutuo e a tolerancia, e podo afirmar sen medo a trabucarme que non escoitei del unha mala palabra, nin unha palabra de desalento, senón sempre azos para seguir adiante e nunca agresividade no debate ideolóxico. Sempre respecto. Pois resulta que cando comezou este blog eu propúxenlle compartir o meu espazo, propúxenlle escribir algo para este pequeno recuncho, o que el quixera, e aceptou. E non podo menos que estar tremendamente encantado, porque as súas reflexións e a súa curiosidade intelectual son para min unha verdadeira referencia, un estímulo, unha sorte para o ben común. Porque gusto moito do seu estilo de escribir, sempre me pareceu claro, didáctico, expresivo pero contundente. Un auténtico luxo para os sentidos.
E hoxe teño a sorte de poder publicar a que, agardo, sexa a primeira colaboración de moitas, a primeira dunha serie seguro que brillante. Aquí fica formulada a invitación para a creación dunha sección oxalá que estábel, porque de seguro que dará para moito debate e comentario. Xa veredes. E para que non sexa unha afirmación trangalleira, velaí un exemplo, o que podedes ler abaixo, baixo o título "A defensa de Adam Smith", no que se pode ler un alegato serio, intelectualmente honesto, rigoroso na argumentación, potente, didáctico e obxectivamente interesante, onde se trata a figura dun escocés universal, un dos país, senón o pai, da economía, cunha obra variada e lúcida, coa que abriu camiños de certo que impensábeis para a súa época. Unha figura clave vítima de apropiacións indebidas, de lecturas interesadas para xustificar as miserias do capitalismo salvaxe, da lei da selva que está a destruír o planeta, arrasando paisaxes (mirade o que está a pasar no Courel) que xamais voltarán ser o que eran, facendo da contaminación (entre outros problemas) unha bandeira coa que acubillar os beneficios, a especulación máis brutal, a indecencia. Porque Adam Smith escribiu o que escribiu, dixo o que dixo, e isto independentemente de que cadaquén poda estar máis ou menos de acordo co seu pensamento. Para poder falar con coñecemento de causa hai que acudir a súa obra, entrar nela, entender, reflexionar e logo opinar. E iso é algo que se denuncia no texto que segue: a manipulación interesada que do pensamento de Smith leva feito moita xente, que fala del e da súa obra en moitos casos sen coñecela máis ca superficialmente, sen coñecer máis que ideas soltas sacadas do seu contexto.
Xa me contaredes qué tal. O que segue é de agradábel lectura. Un alento necesario para o rigor. Un estímulo para falar e escribir de economía en galego, un dos temas máis pendentes para a normalización lingüística, que non deixa de ser nada máis que iso: facer normal o que aínda non o é, porque non ten por qué ser algo anormal escribir en galego sobre economía, aínda que polo de agora non deixe de ser un fenómeno estraño para moita xente Porque falar de economía e pensamento económico en galego aínda é, por desgraza, unha rareza. Hai moito que traballar. E nós queremos traballar. Dende aquí unha pequena contribución normalizadora, e tamén unha boa mostra de que aínda hai esperanza, de que aínda hai mocidade activa, xa o veredes, un "golpe aos liberais máis radicais. Smith non é dos seus".
A DEFENSA DE ADAM SMITH, por M. PERRY
"Xa que cada individuo trata de empregar o seu capital no apoio da actividade doméstica e de dirixir tal actividade de forma que o seu produto teña o maior valor, cada individuo intenta que o ingreso anual da sociedade sexa tan grande como poda. Por regra xeral, non intenta promover o benestar público nin sabe cánto está contribuíndo a iso. Prefirindo apoiar a actividade doméstica en vez da foránea, só procura a súa propia seguridade, e dirixindo esa actividade de forma que consiga o maior valor, só procura a súa propia ganancia, e nisto, como en tantos outros casos, está conducido por unha man invisíbel que promove un obxectivo que non entraba nos seus propósitos".
Este é probabelmente o parágrafo máis coñecido da longa e variada prosa de Adam Smith (Kirkcaldy, 1723; Edimburgo, 1790), e aínda que algúns só coñezan o seu reputado nome pola idea que subxace a esta breve transcrición, o certo é que as aportacións do xenio escocés á ciencia económica non rematan, como é lóxico, no parágrafo anterior. Non é pertinente aburrir aos nosos dinámicos lectores coas reviravoltas da teoría smithiana, que, ademais, só coñezo dende un punto de vista superficial, polo que simplemente me dedicarei a facer as observacións que sexan pertinentes para este comentario.
Adam Smith, amigo persoal do filósofo David Hume, considerado como o pai da economía, é principalmente coñecido pola súa obra An inquiry into the Nature and Causes of the Wealth of Nations, ou, máis brevemente, A riqueza das Nacións. Malia todo, non debe despreciarse o talento de Smith en campos tan variados como a astronomía, a lóxica antiga, a metafísica, o Dereito e a filosofía, especialmente nesta última materia, onde non pode pasar desapercibida a súa Teoría dos Sentimentos Morais (1759).
Trala publicación d’A Riqueza das Nacións en marzo de 1776 poucos agardaban o éxito mundial que acabou adquirindo a obra, e aínda menos imaxinábeis eran as consecuencias que derivarían de tal suceso. Os personaxes máis importantes da historia fórono por marcar un fito no momento histórico en que vivían. O fito de Confucio foi o ensino dunha forma de vivir en harmonía, que deu orixe ao confucianismo. O fito de Xesucristo foi a fundación dunha nova relixión, o cristianismo. O de Adam Smith, a creación dunha nova ciencia: a economía.
De entre todas as ideas que se poden extraer da súa obra, sen dúbida a de maior importancia, ou alomenos a máis coñecida, non deixa de ser outra que aquela que considera que o principal estímulo da actividade económica non é outro que o propio interese dos individuos. Máis explicitamente, Smith sinala nunha das súas citas máis soberbias que "non obtemos os alimentos da benevolencia do carniceiro, do cervexeiro ou do panadeiro, senón da súa preocupación polo seu propio interese. Non nos diriximos aos seus sentimentos humanitarios, senón ao seu egoísmo, e nunca lles falamos das nosas necesidades, senón das súas propias vantaxes". Con isto enténdese que cada individuo se comporta de tal xeito que procura a satisfacción do seu propio interese, e, ao facelo, benefician en realidade ao conxunto da sociedade, pois son conducidos, tal e como quedou sinalado ao comezo, "por unha man invisíbel que promove un obxectivo que non entraba nos sus propósitos", isto é, o benestar xeral.
Así que o significado da famosa "man invisíbel" é, a todas luces, o que é, e isto non é un absurdo, e paga a pena ser comentado. Se hai algo común entre a política e a economía é a facilidade coa que son desfiguradas as ideas máis simples, ou de como estas son utilizadas nun contexto estraño que desvirtúa por completo o significado para o cal foron concebidas. Hitler e os seus secuaces promoveron un uso indecente dos autores e o movimento romántico alemán do século XIX para xustificar moitas das súas atrocidades. Adam Smith sufriu agravios semellantes que o acabarían por colocar, en boca de moitos, en extremos sobre os que en realidade nunca se pronunciara. Mais o erro é facilmente refutábel se se entende o contexto no que se situaba o xenio escocés, e os fins que pretendía cando pensaba o que pensaba e dicía o que dicía.
As opinións do economista Joseph Stiglitz, premio Nobel en 2001, que foi membro do Consello de Asesores Económicos durante a Administración Clinton e personaxe sobranceiro do Banco Mundial entre 1997 y 2000, teñen de ser tomadas sempre cun respeto se cadra maior do que simplemente lle outorgaría a súa prestixiosa posición académica, precisamente por esa experiencia práctica en importantes núcleos de poder. Nun dos seus últimos libros, Os felices 90, dedica un capítulo ao que el chama o "mito da man invisíbel", onde critica abertamente aos executivos das maiores empresas do país que propugnan a plena liberdade de actuación nos seus negocios, argumentando precisamente que a regulación supón un obstáculo ao desenvolvemento da actividade empresarial e, en definitiva, ao benestar económico do país. Estes homes no dubidan en acoller a "man invisíbel" como argumento principal e irrefutábel das súas benintencionadas propostas, pois ao estimular o seu propio interese o que fan realmente é, din eles, lograr o ben de todos. O propio Adam Smith podería contestar moi doadamente a estes bos samaritanos: "Non son moitas as cousas boas feitas por aqueles que din dedicarse ao comercio en favor do benestar público. Tamén é verdade que esta é unha actitude pouco común entre os comerciantes, e unhas poucas palabras abondan para disuadilos dela".
Sinalaba antes que hai que ter en conta o contexto para acadar unha axeitada comprensión do que tenta dicir un autor. No caso de Smith, o obxectivo buscado coa "man invisíbel" non era, evidentemente, o que pretenden quen o citan tan a miúdo sen telo lido sequera. O fin da súa exposición neste punto era pór de manifesto, simplemente, cómo os individuos acadan o benestar xeral polo mero feito de promover a súa actividade. Paga a pena rescatar aquí as palabras do recentemente falecido profesor Galbraith, quen na súa célebre Historia da economía dicía: "O paso que deu Smith foi realmente enorme. Até aquel entón, a persoa dedicada a enriquecerse fora obxecto de dúbida, sospeita e desconfianza, sentimentos que databan non só da Idade Media, senón de tempos bíblicos e das Sagradas Escrituras mesmas. En troques, agora, ao cultivar o seu propio interese, convertíase en benefactora pública. ¡Qué redención, qué transformación extraordinaria!". Tal era o propósito do erudito escocés. Nunca pretendeu convertirse no baluarte dos defensores do actual liberalismo radical porque nin esa era a súa loita nin tampouco chegou a coñecela. Adam Smith pretendía abrirse camiño cara o novo mundo que se aveciñaba. A vella orde, os vestixios que puideran ficar do Antiguo Réxime, eran os principais inimigos aos que se enfrentou Smith, que, como calquera ilustrado, defendeu valentemente e con honor á Deusa Razón que tantos ataques recibía por parte da tradición.
Adam Smith morreu en Edimburgo en 1790. Publicou a súa magna obra en 1776. As datas parecen un tanto lonxanas como para incluír a Smith na mastodóntica retesía que manteñen na actualidade liberais e non liberais pola cuestión da intervención do Estado na economía. Os primeiros non tardaron, porén, en encher as súas fileiras coa figura do de Kirkcaldy. E isto é, ademais dunha fazaña, un erro manifesto. Incluír a Smith como un dos grandes cabalos de batalla liberais é case tan inxenuo e ridículo como dicir que Xóan Paulo I morreu dun simple ataque ao corazón. Non só polo explicado no parágrafo anterior. A mera lectura superficial d’A Riqueza das Nacións aporta exemplos dabondo para demostrar que Smith outorgaba ao Estado un papel nada desdeñábel.
Por dicilo doutro xeito, Smith si defendía, baixo certas premisas, a intervención do Estado na economía. A afirmación é dabondo categórica como para que non suscite a menor sombra de dúbida. Existen determinados bens que o mercado non pode proporcionar eficientemente. Smith era consciente diso, e por iso no Libro V da súa investigación ("Dos ingresos do Soberano ou da República") impón ao Estado obrigas diversas, entre as que se atopan a defensa da nación, a protección dos individuos da sociedad a través dunha axeitada Administración de Xustiza e o establecemento "daquelas institucións e obras públicas que, sendo enormemente vantaxosas para a sociedade, son, porén, dunha natureza tal, que os seus rendementos xamais poderían recompensar a inversión efectuada por un individuo ou un número pequeno deles, e que, xa que logo, non pode esperarse que as funden ou manteñan". Absolutamente claro. O Estado era necesario, e non nun grado mínimo precisamente. A algúns pareceralles que a lista ofrecida de servizos públicos é curta. E teñen razón. No actual Estado do Benestar a relación dada é impensabelmente pequena. Pero Smith non é un contemporáneo. Foi un ilustrado. De novo o contexto que, ás veces, se perde. Golpe aos liberais máis radicais. Smith non é dos seus.
Esta é a miña defensa de Adam Smith. Un home dunha talla intelectual incuestionábel. Un precoz dos novos tempos que se aveciñaban. Un incansábel traballador cuxa laboura o acompañou até o seu derradeiro suspiro. En fin, un Ilustrado.
Tradución: Carlinhos (agradezo de novo a M.Perry a súa colaboración: os acertos son seus; os erros, de seguro que froito dunha tradución pouco rigorosa. Espero que vos gusten as escollas léxicas).
10 comentarios:
Pareceume moi interesante coñecer algo máis a un autor, Adam Smith, que tan frecuentemente se tende a encadrar ou clasificar sen contemplacións. Normalmente cando se nos fala nas aulas sobre esta figura faise con dúas ou tres frases relacionándoo co liberalismo e punto. Pero tendo en conta a súa ampla obra é impensábel que se poida resumir nunha soa palabra todo o seu pensamento (o que moitas veces adoita pasar).
Por certo, felicidades Carlos!
Moitas grazas polo comentario e pola felicitación. O mérito é de M. Perry (non sei se o coñeces??,ja,ja),que ten moito e moi bo que dicir no mundo da economía. Gústame o de "impensábel", con ese "bel" final tan da casa. A min gústame máis. A ver se imos poñendo máis cousas sobre estes temas, que se non é un coñazo escribir sempre sobre as eleccións. A ver cando nos vemos para tomar uns "cafeses"!!!
Dúas cousas. Sobre o asunto do moderador e a necesidade, a petición de usuario, de "controalr" as intervencións. Resulta doado no caso de insultos ou descalificacións persoais puras e duras, pero non o é noutras situación. Podes dicirme, Carlinhos, que é iso de "palabras malsoantes"? o son das palabras é moi persoal. Andamos na censura da portada de "El Jueves", e iso o que quere dicir o que pide control? Complicado. É doado dicir dáus xeneralidades pero máis latoso concretalo. Ademáis, o persoal descalificase coas súas intervencións. E ás veces é tan "malsoante" algunha forma de razonar primaria como calqueira desas palabras das que falas.
Sobre Adam Smith. Hai algo do que dicides os tres, M. Perry e os dous comentaristas, nas que podo coincidir, pero que é unha obviedade manifesta. As referencias a calquer autor nun libro ou artigo son parciais e precisan un achegamento polo miúdo para coñecer de verdade o seu pensamento. Iso pasa con Adam Smith e con todos os demáis. E M. Perry amósanos o que ese economista dicía sobre dous puntos que se interpretan de xeitos peculiares. Probablemente ten razón, pero as propostas non se poden analziar só polo seu contido, en abstracto, ahistóricamente. Debería considerar o papel efectivo que tiveron na realidade histórica do seu tempo e da historia posterior. Porque se non se ten conta o contexto histórico é imposible entender as cousas. Quedamos nunha especie de suspensión aérea, onde as ideas carecen de concreción efectiva. É básico analizar a súa operatividade, o seu impacto real.
Saúdos, Roberto
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20040629084400
Sé que este titular os va a gustar. ¿Qué pasa con el Plan Galicia? El Gobierno pasado lo creo y el Gobierno actual lo destruyó escupiendo sobre él.
Tiene tazón Miguel, el Gobierno del PP creó muchos planes en Galicia. Y algunos en Madrid, en dónde ya estaban buscando colegio para los niños algunos esperando la victoría de Mariano.
Ahora en Galicia le hicieron un buen plan para que Fraga tenga dinerete de todos por 12 años.
Sin escupir.
¿Este Perry no es aquel que apoyaba a Corcoba? No sabía que Corcoba era partidario del Adam ese.
La verdad es que este blog está "muerto". Su impulsor se dedica a dar consejos de comportamiento y no aporta nada nuevo.
Saudos dende Colonia!!!!
Si esto es "un verdadeiro luxo"...entonces podríamos decir que es un lujazo!!!!
Saludos a todos!!!
Vaia, cheguei tarde á enquisa. Onte M. Perry avisoume, pero agora xa é tarde. Como só me entero cando hai entradas novas... A próxima vez, recoméndoche poñer un aviso ou algo, porque a xente que te segue cun lector de feeds (como eu) non se entera dos cambios estéticos ou dos adimentos á barra da esquerda :).
Por outra parte, gústame o novo deseño, quédalle moi ben á temática do blog.
Quedo a espera dun novo artigo, cando boamente poidas ;)
Un saúdo.
Publicar un comentario