Vendo o animado que está o debate, con tantos comentarios sobre se pactos si, pactos non, sobre se é democrático ou non, ou sobre Corcoba, pois case teño medo de poñer eu algo e estragar todo. A ver que pasa. O certo é que agora escribir algo encol das eleccións ten menos mérito, pois xa pasou máis dunha semana e moitos comentarios e análises na radio, nos xornais e moito menos na TV. E claro, engadir cousas agora é complicado. A ver que fago.
A verdade é que do máis se ten falado estes días é dos pactos. É normal, sobre todo cando un le en La Voz de Galicia do luns siguiente ao domingo electoral que o PP perdeu até 55 maiorías absolutas, ademais da maioría absoluta nun dos seus símbolos, a Deputación de Lugo, e sen esquecer que na de Ourense perderon apoio. Falar de cifras absolutas como leva falado o Partido Popular é útil para consolarse e facer algunha valoración, pero non chega. Leo en A Nosa Terra desta semana que o Partido Popular perdeu uns 40.000 votos con respecto ao apoio electoral que recibiron no 2003, e ademais “a pesar do seu incremento nalgunhas ciudades e das máis de 150 alcaldías só apenas media ducia é de concellos de máis de 700 habitantes”. Se eu fora Alberto Núñez Feijoo estaría tremendo como unha vara de vimbio ao albiscar o panorama que se pode formar. A pesar diso, o PP segue presentando case sen tachas a súa vitoria nas eleccións, gabándose do seu aumento nas ciudades. Creceron en Vigo (tres concelleiros máis), en Pontevedra (1 máis), en Santiago (200 votos máis) e sobre todo na Coruña, onde acadaron 7000 votos máis e ascenderon até os 10 concelleiros, sen dúbida os seus mellores resultados dende hai bastantes bastantes anos.
Se lembrades, o meu prognóstico para o PP na Coruña non era moi alentador, e está claro que errei moitísimo. Non contaba con semellante aumento, sobre todo porque Carlos Negreira non era unha persona moi coñecida para o votante medio antes de comezar a campaña, e sigo a pensar que inda non o é agora. Pero como tamén escribín no meu último texto, estou convencido de que a xente vota, en xeral (e sobre todo nas cidades, onde o contacto con candidatos non é tan directo como nun concello pequeño onde toda a xente se pode coñecer, e onde se pode votar máis á persoa que o partido concreto polo que se presenta) ás siglas e non tanto aos candidatos (digo en xeral, logo como en todo hai xente que votaría por un partido de se presentar unha determinada persoa, e non votaría polo mesmo caso de se presentar outra, hai de todo). Por iso, o mérito haberá que atribuirllo máis ao propio PP e non tanto ao candidato Negreira. Fun un pouco parvo ao non valorar suficientemente o que supuña a ausencia de Paco Vázquez (e notouse menos soberbia e chulería na campaña, cousa que lle agradezo moito). Porque os resultados do PP poden ter varias lecturas:
1.- O PSOE realmente conseguiu unha parte substancial dos seus votos nas anteriores eleccións pescando nos caladoiros de votos da dereita grazas ao tirón que o amigo Vázquez tiña e ten entre o electorado conservador.
2.- Hai que lembrar que o próximo ano son as eleccións xerais, e aínda que as municipais son outra historia, non se pode negar que, directa ou indirectamente, a mensaxe da cúpula do PP en Madrid era plantexar dalgún xeito estas eleccións como unha especie de adianto, de toma de contacto para comprobar a fortaleza do apoio do Partido Socialista. Xa sei que non vale como indicador, pero se alguén recorda, nas eleccións municipais do ano 2003 o PSOE conseguiu máis votos en total en toda España que o PP (uns 200.000 máis)… e gañou logo as eleccións xerais. Se aplicamos esa mesma lóxica, o PP nestas eleccións sacoulle 170.000 votos ao Partido Socialista, co cal dentro dun ano poderíamos ter… merda!, mellor non pensar niso.
3.- A campaña do PP non foi tan especialmente boa e espectacular, por si soa, para xustificar semellante aumento na cidade. E é que o PP sempre puido aforrar moito carto na Coruña, cando estaba Paco e creo que non lles preocupaba moito facer boas campañas nin teren candidatos especialmente carismáticos aquí, porque, total, desde 1981 xa tiñan ao mellor candidato noutro partido, e para qué querían tirar cartos noutro. Estoume a referir, evidentemente, a que se xa tiñan a Paco Vázquez, para que ían querer gastar tempo e esforzo dos seus líderes noutro fulano?
Eu creo que nestas ideas algo hai da suba de votos moi importante que tivo o PP na Coruña. Pero do que ninguén fala demasiado, e é algo moi a ter en conta, é da tremenda abstención que houbo na cidade: o 46,48%!! Algo sobre o que os políticos locais (e os seus superiores tamén) deberían reflexionar. Porque dos case 16.000 votos que perdeu o PSOE, poñamos que os 7.000 que subiu o PP proceden de voto socialista, pero ¿e os demais? Para o BNG non foron, que perdeu case 4.000 votos, e aínda que foran algúns para os outros partidos pequenos… Foi moita a xente que ficou na casa, quizais polo pouco tirón dos candidatos (de todos sen excepción).
E xa que falo do BNG, toca dicir que deben estar contentos, porque consolidan o seu electorado (manteñen os 6 concelleiros que conseguirán en 2003), pero perdendo 4.000 votos, e dáme a impresión de que quizais ese sexa (espero que só polo de agora) o seu teito electoral na cidade, un 20%, que non está nada mal, pero que corta a tendencia tremendamente ascendente que tivo o partido nas últimas eleccións (nas de 1999 subiron con respecto ás de 1995, e nos de 2003 dobraron a seu número de concelleiros pasando de 3 a 6, capitalizando totalmente o descontento coa política de P.Vázquez, xa que hai 4 anos o PP nin subiu nin baixou).
No que se refire aos outros partidos, o que se esperaba. Conste que días antes das eleccións escoiteille dicir a dúas persoas que pensaban que o estraño PG de Carlos Marcos ía conseguir bastantes votos, polo tremenda campaña que fixeran en canto a carto (mal)gastado. Eu díxenlles que pensaba que non ían conseguir ningún, porque o xente vota siglas e non candidatos, e nin Carlos Marcos era coñecido nin o seu PG era coñecido (de feito, a súa campaña foi totalmente personalista e seguro que moita xente nin sequera sabía en qué partido concorría ás eleccións). E efectivamente foi o que pasou: só 3.744 votos, e deben ser os votos máis caros, porque o que gastou o tal Carlos Marcos non é normal. E definitivamente as sospeitas que eu tiña sobre os conexións ladrillistas do tal Marcos veumas a confirmar Miguel no seu comentario. Nun primeiro momento non entendía porque Miguel poñía a mesma lenda que eu puxera no meu texto. Logo comentoume que o seu comentario o escribirá sen ter lido o meu texto. E iso preocupoume, porque a lenda a el contoulla alguén ben ben relacionado (por favor, lede o seu comentario, un dos moitos que houbo). Xa que logo, en verdade si había que desconfiar do tal Carlos Marcos. Francamente alégrome moito de que lle fora tan mal. Primeiro porque representaba unha forma de facer política aínda máis populista do normal. Segundo, porque a min caeríaseme a cara de vergoña se me presento polo Partido Galeguista e na miña propaganda e declaracións digo e poño continuamente “La Coruña”, e digo que son galeguista pero nin falo da situación do lingua galega no Concello da Coruña nin solto unha soa palabra a prol da cultura galega (non lle escoitei ao tal Marcos nin unha soa referencia a ningunha manifestación da cultura galega en toda a campaña, nin unha soa e iso que el xa comezou a súa campaña en marzo), e digo que son coruñesista pero até hai pouco vivín en Vigo e non coñezo para nada a realidade dos barrios da cidade, porque indo unha vez a cada barrio de visita en campaña non se pode saber cómo está o barrio.
Do que me alegro é de que subirá IU-EU, porque representan todo o contrario. Nun dos comentarios dun dos anónimos puiden ler “¿esquerda unida=humildade?Máis ben diría eu inutilidade!!”. Podo entender que haxa persoas que consideren o voto a IU como unha perda de tempo, un voto inútil que nada vai mudar. Tamén para min votar ao PP é inútil para Galiza, ben, é útil para pasar da nosa cultura e cousas así. Pero o que ninguén non sectario pode negar é a humildade de Esquerda Unida (independentemente de que un estea ou non de acordó co seu programa ou prefira outro partido), que con moitos moitos medios menos que Carlos Marcos, conseguiron 60 votos máis ca el, e a este paso quizais dentro duns anos podan ter un concelleiro. Porque non tiñan nin cartos para mandar a propaganda electoral por correo, e tiveron que ir portal a portal deixando os sobres nos buzóns para a publicidade, coma se for un folleto de Gadis.
De Corcoba xa me dá medo poñer algo, vendo que se converteu nunha das estrelas dos comentarios.
En definitiva, un panorama con varias posibilidades, onde os pactos dirán cal é a cor político do próximo goberno municipal coruñés. Vendo o panorama tralas eleccións, probabelmente na Coruña, a partir de agora, acabaron as cores puras, e quizais veña a mistura. Moitas veces dúas cores forman unha paisaxe (política) máis agradábel para a vista. E menos aburrida.