O certo é que me gustan as eleccións. Non o podo evitar. Máis que nada porque durante as campañas os políticos fan o que fan todo o ano, pero fano directamente, isto é:
- Pedir o voto, sen ter que ir inaugurando primeiras pedras de obras (por exemplo, tramos dun AVE fantasma e silandeiro que seica chegará algún día).
- Gastar os cartos públicos en propaganda a esgalla e de moi pouco contido.
- Prometer cousas, prometer "el oro y el moro" ("el moro" xa non, por se os acusan de promover a inmigración clandestina).
Por todo isto, cando chegan as campañas sinto un aquel especial. É certo que sentía máis antes que agora, e non porque estea desencantado (para estar desencantado primeiro hai que estar “encantado”, e creo que na miña vida nunca percibín semellante estado psicolóxico-emocional por ver á clase política que pouco nos goberna), senón porque cada vez comprendo mellor que canto máis avanza a posibilidade da xente de poder votar en cousas, menos poder ten. Explícome.
Vivimos un curioso paradoxo na sociedade posmoderna postindustrial posdemocrática postergada e pospgábel na que habitamos: cada vez parece que a xente vota máis: elíxese quen sairá hoxe de OT ou de Gran Hermano, quen gañará Son de estrelas ou quen é o mellor español da historia. Nunca tanto se votou como agora, e correlativamente nunca tanto avanzou a tecnocracia como até o de agora, en crecente marea asolagadora dos espazos políticos, en grande parte pola culpa do descrédito que a propaganda e a demagoxia de moitos políticos ten causado. O avance imparábel do mercado de novo . Imos aviados!!
Non viña isto moito a conto, pero tiña ganas de dicilo. Neste caso toca falar das municipais, e a iso vou. Non é complicado saber a quen vou votar eu, vendo o xiro parece que definitivo que o meu pensamento político deu cara a esquerda nacionalista dende hai un par de anos, despois de moitos titubeos e ambigüedades (ambigüedades que aínda manteño, e das comentarei algo outro día). Tocará votar ao BNG, e non porque estea plenamente convencido, con fe absoluta, de que van facer todo o que levan no programa e esas cousas, senón porque, visto o visto, pois pouco hai mellor. Aínda que, presentase quen se presentase polo Bloque, estou certo de que votaría ao Bloque, a pesar de todas as decepcións, grandes ou pequeñas, que un pode ter levado coa súa entrada na Xunta.
Teño que dicir, iso si, que non me disgusta demasiado Quique Tello. Só hai que ver o repaso que lle deu a Losada no debate que televisou a TVG este pasado luns, se non recordo mal. Aínda que iso non semella moi complicado, pois non hai que ser moi espelido para decatarse da pobreza política e intelectual de Losada para o goberno. Non sei sequera se vale para asesor, que seica é algo para o que vale case calquera, e debía ser un posto moi cotizado, pois no goberno fraguista da Xunta case era o que máis había.
Fai falta un cambio na cidade. Os 24 anos de goberno na Coruña do PSOE deixan bastante escuridade e pouca luz. Luz nos centros cívicos, luz nun paseo marítimo precioso, luz nos museos científicos e algunha cousa máis… e pouco máis. Porque se hai unha palabra que defina a forma de gobernar, primeiro con ditador Vázquez e agora co ditado Losada, sería escuridade, moi pouca transparencia, caprichitos e un concepto da estética que verdadeiramente penoso (agora ninguén se responsabiliza da barbaridade que nos plantaron no porto, esa monstruosidade faraónica do Centro de Ocio, feo, inservíbel, e que acabou coas vistas que quedaban dun porto non hai tantos anos precioso para pasear, e que agora semella case Puerto Banús, en lugar dun porto dunha cidade tradicionalmente mariñeira, e até hai ben pouco unha das potencias mundiais en descarga de peixe). O bo é que xa non está Paco Vázquez, polo menos algo e algo, mais o lema de campaña do PSOE asusta un pouco: “faremos máis”. Máis… de que? Creo que se refire a máis tranvía, porque un dos proxectos do amigo Paquito antes de liscar correndo a Roma era ampliar todavía máis o tranvía. Espero que non se refira a máis ascensores, porque o próximo seguro que é un para subir á Torre de Hércules, espetado na fachada do faro polo ben de todos os “curuñeses”. E se alguén quere saber da singradura caciquil e esperpéntica de Paco Vázquez na Coruña, aí ten o libro espléndido A Coruña de Paco Vázquez, onde poderá descubrir o moito que lle daba a cabeciña a ese home do título. Verdadeiro noxo.
Por iso, visto o visto, tocarame votar a Tello. Non é un gran candidato en canto a carisma, pero leva doce anos chupando roda, e dáme que esta ha de ser a súa última oportunidade, e se desta non vai… pois “a la rue”. O bo que ten este home é que coñece ben o Concello e creo que algo sabe do que fala. O meu irmán está bastante ilusionado con el, pero non estou tan convencido, porque pase o que pase nas eleccións, o PSOE seguirá no goberno, con maioría absoluta ou sen ela, e no caso de pactar PSOE e BNG, pois as cousas non creo que cambien moito. Se Losada é malo como alcalde, non porque estea o BNG nalgunha concellaría as cousas van ser moi diferentes. Aínda que só por ver a Losada tendo que pactar algo con alguén, xa case compensa.
Dos outros partidos pouco hai que dicir. O PP sempre dá por perdidas as eleccións aquí antes de comezalas, e elixindo a Carlos Negreira de candidato, un técnico e pouco máis, como candidato, non creo que cambien moito as cousas. Moita xente non o coñece e iso vaino notar, pero como a xente o que vota normalmente son siglas e non os nomes, pois seguramente aguante o tipo e manteña os 7 concelleiros que conseguiu o PP hai catro anos (actualmente era tres ou catro, porque varios marcharon ao grupo mixto ou nos adscritos ou como lle chamen nos concellos, cando Corcoba abandonou o partido, logo de que non o elixiran como candidato, logo de darlle tan “só” dúas oportunidades (vendo que a Tello esta é a cuarta que lle dan parecen poucas).
O máis sorprendente, estraño e preocupanto é o dese estraño Partido Galeguista, con ese home que tanto noxo me dá, o tal Carlos Marcos. O curioso é que, aínda que o parece, o tipo este non é novo da política coruñesa, pois lendo A Nosa Terra un descobre que xa concorreu ás eleccións municipais no ano 1981!, cun partido chamado Independientes por La Coruña, un partido dereitista que pouco éxito tivo. Mira que me dá noxo este home, porque fala de coruñesismo (estraña ideoloxía, que nunca comprenderei e da que todos os candidatos falan, todos menos Negreira) e até hai ben pouco vivía en Vigo e non pisaba esta cidade, e fala de tantos cousas como quen fala do tempo. E nótase tanto que alguén lle está pagando a campaña, con moitos cartos por certo. Iso de que pediu un crédito para pagar a campaña no Banco Santander soa moi estraño, sobre todo vendo a cantidade de cartos que leva gastados ese home: saíndo os últimos tres meses todos os días en La Voz de Galicia (nin o PSOE puxo tantos anuncios), contratando concertos de Los Brincos, Tony Ronald e demais dinosaurios da canción española, saíndo o seu anuncio nos cines, cuñas publicitarias na radio, posters, viaxe en avionetas… só lle faltou pagar pedicuras ás señoras da Coruña que “no te hablan el gallego porque en mi época no nos lo enseñaron”.
Sobre Carlos Marcos lin unha curiosa teoría unha vez, á que cada vez lle dou máis creto (porque provén de alguén que coñece a vida política municipal como concelleiro do BNG). Dicía que a campaña de Carlos Marcos estaba financiada por construtores que buscaban que ese estraño Partido Galeguista polo que se presenta sacara un concelleiro nas eleccións e así puidera pactar con Losada (concedéndolle a Carlos Marcos a concellería, adiviñade, si, de urbanismo), evitando así un pacto PSOE-BNG, que poría trabas aos pelotazos urbanísticos e concesións pouco transparentes de obras que caracterizan o quefacer diario do Concello. Nun primeiro momento pareceume rocambolesca, pero é non é posible que un partido tan pequeno e sen peso institucional na Coruña teña tantos cartos.
De Corcoba xa case non compensa dicir nada, porque o nome do seu partido soa infantil, ridículo e forzado, e porque Terán “buenos argumentos”, pero o que se di programa, eu aínda non escoitei nin unha soa proposta, e iso que escoitei poucas, porque en xeral os programas de todos os partidos son bastante parellos en canto a incluír xeneralidades e poucas cousas concretas en moitos casos.
Oxalá suba, por que non, Esquerda Unida. Polo menos subiría a humildade neste Concello tan rebordante de soberbia. E absolutismo.